RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "Todos nós, todo o deportivismo, toda #ANOSAFORZA merecía un partido así"

Óscar Cano subliñou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "igual que outros días non entran, hoxe entraron eses primeiros goles que nos deu moita tranquilidade", aínda que recoñece que na primeira parte "tiven que axustar con Isi. Dixémoslle que controlase as costas dos primeiros que presionaban porque Alfaro nos estaba facendo dano. A partir do segundo gol fóronse sucedendo os goles, as ocasións".

O técnico deportivista cre que "todos nós, todo o deportivismo, toda #ANOSAFORZA merecía un partido así. Temos xogadores de moitísima calidade que cando se relacionan entre si pode ocorrer o que hoxe ocorreu. Mesmo se me antolla que podían ser algún máis. Houbo unha produción en ataque fantástica e iso fixo que o partido sexa o que merecía todo o deportivismo dunha vez por todas".

Cre que este partido supón "a constatación de que este equipo pode xogar moi ben o fútbol. Hoxe era partido diso, porque presumiamos, como así foi, que ían pechar cunha defensa de 5, 4 por diante, cun só punta; e a nosa preocupación era ver como imos poder facer un gol".

Ademais "animicamente é bo porque nos demostra que cando o equipo está ben produce moito porque temos moitísimos grandes xogadores. Imos ver se a partir de de aí somos capaces de preparar ben o seguinte".

Queda Óscar Cano "co entusiasmo de todos, non só dos rapaces de casa (en alusión a Yeremay e Trilli), que saíron a tratar de demostrarme que estou equivocado, senón os que non son da casa: Quique Saverio, fixádevos o man a man que ten. Estamos a falar dun xogador que xogou o ano pasado preto da trintena de partidos en Segunda División coa Ponferradina e que foi comprado ao Barcelona por parte de Osasuna, un equipo de Primeira División. Houbo mala sorte cunha lesión de longa duración, pero no momento en que se despereze ese xogador... Yeremay igual. Saíron todos enchufados. Arturo achegou moitísimo, todo o descarga de cara, permite xogar ao que chega de fronte. Iso é aire para un equipo. E quédome co capi (Álex Bergantiños) porque fixo unha MásterClass do que hai que facer neses minutos. Todo o normaliza, todo o tranquiliza e non é fácil para un xogador da súa experiencia, da súa calidade, da súa traxectoria saír poucos minutos. Pero esa é a grandeza deste vestiario e esa é a grandeza de Álex Bergantiños".

Máis que o liderado, recalca que "o importante é que gañamos. O importante é que o equipo produce moito, que sabe xogar contra todos os equipos, que fóra de ABANCA-RIAZOR tamén vai facendo mellor as cousas, que en casa con #ANOSAFORZA e coa calidade que temos facémonos practicamente imparables. Todo ese tipo de sinais evidentemente convídannos ao optimismo e sobre todo convídannos a crer que somos claros candidatos a poder ser gañadores finais da competición".

Admite o adestrador branquiazul que o Dépor poida estar no mellor momento da temporada porque "o resultado de hoxe tamén o demostra. É un aviso claro de que iso é así. Fóra de ABANCA-RIAZOR é verdade que non sumamos os 6 puntos nas dúas últimas visitas, pero 4 de 6 son uns grandes números. Ademais hoxe fixo máis intervencións Ian Mackay que nos dous partidos de fóra de casa. Iso son boas noticias. A iso refírome cando digo que non só hai que ver o resultado, senón que hai que ver moitas máis cousas".

Así, nesta liña, apunta que "hoxe, por exemplo, podemos dicir 'que partido máis redondo' e a min hai 20 minutos que o equipo non me gustou nada; non algo, senón que non me gustou nada. Deixámoslles circular o balón, botámonos un pouquiño cara atrás e non fomos capaces de presionar ben. Achegáronse demasiado e nalgúns momentos con demasiado perigo. E iso hai que corrixilo. Nin é absolutamente marabilloso cando se gaña nin cando se perde pero é certo que no cómputo global, que isto se pode crebar en dúas semanas, estamos no mellor momento desde que eu cheguei".

Pola súa banda, José María Salmerón, técnico do CD Badaxoz, ve ao Dépor como "un gran candidato. Agora está a obter resultados, ten a confianza necesaria... como o partido. Se te pos con 3-0 tan rápido ao final todo sae. Son xogadores tecnicamente moi bos que se empezan a xuntar. E se non cometen erros, co respaldo do resultado, na segunda parte pódenche facer 2 goles moi fácil. Eles están a traballar ben, teñen un potencial técnico moi grande e vaiche a dominar durante moitas fases do xogo".