RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Villares admite que a última derrota "foi un pau duro" pero cre que agora "hai que pasar páxina"

Diego Villares afirmou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que a derrota a pasada fin de semana foi "un pau duro porque queriamos encadear eses dous partidos seguidos gañando. Temos que pensar no partido que temos este sábado", en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, Footters, TVG-2 e G24.gal) ante o CF Rayo Majadahonda.

Opina que non é el o que debe xulgar os acontecementos vividos ao final do partido, coa invasión do céspede de máis dun milleiro de afeccionados locais; e recoñeceu que houbo "pequenos problemas que hai que esquecer. Custa dixerir este tipo de derrotas, e máis en partidos deste calibre, pero agora temos que pasar páxina. Non nos podemos quedar neste partido e ir a polos que nos quedan".

Non temeu pola súa seguridade pero si confesou que estaba "un pouquiño atónito con esa situación que puidemos vivir ao final do partido. Tentamos meternos o máis rápido posible no vestiario".

Ten claro que a partir de agora "o que temos que pensar é en asegurar esa segunda praza. Non podemos pensar en nada máis aló: asegurar esa segunda posición para chegar o mellor posible ás eliminatorias e a partir de aí chegar coas mellores sensacións", reitera.

Sobre o seu regreso o pasado domingo ao centro do campo, explicou que "a partir do xoves puiden saír a adestrar cos meus compañeiros con total normalidade. Co plan de partido e a través sobre todo do míster chegouse á conclusión de que onde podería saír mellor era no centro do campo, con esa defensa de 5, con eses 3 centrais. A partir de aí limítome a xogar".

Do partido do sábado ante o CF Rayo Majadahonda, Diego Villares destaca que se trata de "conseguir a vitoria contra un bo equipo que tamén está aí pelexando na parte alta de clasificación. Sabemos que son un bo equipo, que alí xa nos custou sacar a vitoria pero podemos lograla perfectamente".