RCD / NOVAS

William admite que o momento é "difícil" pero asegura que o obxectivo "segue sendo, mentres que haxa posibilidade, quedar primeiro"

13/04/2022 17:41

William de Camargo admitiu esta mañá en Abegondo, após recoller o Premio Estrella Galicia ao mellor xogador do pasado mes de marzo, que o Dépor pasa "un momento difícil, pero só con traballo e dentro do verde imos demostrar poder cambialo".

Non atopa explicación a esta circunstancia pero advirte que "hai fases do partido que tamén nos toca sufrir, tócanos defender e ser dominados. Temos que saber manexar iso tamén e mellorar esta versión nosa que é defender e saber sufrir".

O atacante brasileiro ten claro non obstante que o obxectivo principal "segue sendo, mentres que haxa posibilidade, quedar primeiro. Se non, pois o play off, que é a outra maneira de ascender. Calquera vía que sexa para ascender estaremos metidos para lograr o obxectivo".

Cualificou o choque do pasado domingo en Lezama ante o Athletic Club B como "moi difícil. Eles eran moi intensos, deixaban poucos espazos. Domináronnos e faltou matar o partido, concluír en gol as ocasións que tivemos e un pouco de contundencia nos duelos e na defensa".

Opina que o Dépor perdeu un pouco a regularidade en comparación coa primeira volta: "Íamos a calquera campo, estabamos nunha dinámica moi boa e gañábamos todos os partidos. Temos que saber manexar agora o momento e se nos toca play off, chegar no noso mellor momento e recuperar a confianza".

Ve ao cadro deportivista capacitado para eses partidos definitivos, chegado o caso: "Nós os xogadores queremos xogar partidos importantes, estar sempre preparados. Véxonos moi capacitados".

William lembra que nun play off "non tes nada perdido. Temos posibilidades igual que os rivais de gañar porque ao ser un partido todo pode pasar. Estaremos moi capacitados", conclúe.

Máis novas de: WILLIAM DE CAMARGO