RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: O título nacional xuvenil do Dépor cumpre 25 anos

- O cadro do Xuvenil A campión nacional en 1996 (faltan Xaco e Toni) posa en Riazor co trofeo (foto cedida por Pablo López Vidal) -

Tal día como hoxe fai un cuarto de século, o Deportivo proclamábase campión de España de xuvenís por primeira e única vez na súa historia, ao bater ao Real Madrid (2-1) en Puertollano, na final da primeira edición disputada co formato actual.

Foi aquel un éxito tan memorable como inesperado. Naqueles tempos, o Deportivo non contaba con equipos de Xuvenís cara abaixo, polo que aqueles xogadores levaban como moito unha campaña xogando xuntos. O Dépor tampouco gozaba de instalacións propias e víase obrigado a adestrar en terra e herba artificial cando os seus partidos como local disputábaos en céspede natural. Aquel equipo fíxose forte superando adversidades e tróuxose para A Coruña, catro anos antes que o primeiro equipo a nivel absoluto, a única Liga que logrou a día de hoxe o fútbol xuvenil galego.

O Club non dispuña de categorías inferiores máis aló de Fabril, Xuvenil A e Xuvenil B. Aquel cadro, por tanto, nutriuse do fútbol modesto coruñés. Xaco, Pablo López, Moscoso e Víctor Pérez (Orillamar SD), Ramiro Amarelle, Juan Naya e Cedeira (Ural CF), Deus, Toni e Diego Arias (Imperátor OAR), Roberto (CD Ciudad) e Luis Mosquera (CD Ciudad Jardín) conformaban o groso dun cadro completado polos 'metropolitanos' Dani Mallo (Sporting Cambre), Carlos (Laracha CF), Adolfo (Atlético Arteixo) e Nacho (CD Baio) e os 'foráneos' Bugarín (Porriño Industrial FC), Oliva e Coloma (Renault Valladolid, aínda que o segundo xogara un ano no SD Español de Santa Lucía) e Araguás (SD Huesca).

Tampouco dispuña o Deportivo de campos propios. Quedaban uns cuantos anos para a inauguración da Cidade Deportiva de Abegondo, que tivo lugar en 2003. Aquel histórico Xuvenil A forxouse traballando na herba artificial de Meicende e no vello campo de terra de Marathón. O Xuvenil A adoitaba disputar os seus encontros no terreo de céspede natural da Torre, aínda que en ocasións xogou como local no Grela 1, tamén de céspede natural naquela época.

O sistema de competición cambiaba naquela Temporada 1995-1996, para instaurarse o que aínda pervive a día de hoxe. Desaparecía a Superliga Sub-19 e a División de Honra, dividida en grupos, pasaba a ser a máxima categoría, dilucidándose o título nacional nun mini-torneo, a Copa de Campións, entre os gañadores de cada grupo.

Os branquiazuis tiñan como rivais no Grupo 1 a CD Ourense, CD La Braña (Xixón), RC Celta de Vigo, Real Racing Club de Santander, Real Valladolid, CD Colegio Diocesano (Ávila), Real Sporting de Gijón, Cultural y Deportiva Leonesa, Club Atlético Perines, CD Lugo, CD Areosa, RS Gimnástica de Torrelavega, SD Compostela, Racing Club de Ferrol e Real Oviedo.

O equipo dirixido por José María Blanco e Manolo Varela Bardanca (completaban o corpo técnico o delegado Julio e os utileros Miguel, Cholo e Fino) arrancou de maneira imparable, sumando os seus dez primeiros partidos por vitorias. Entre eses triunfos hai que destacar os logrados en Vigo (2-3) e Valladolid (1-3) e en casa ante o Real Racing Club de Santander (1-0) e o Real Sporting de Gijón (4-0).

- O equipo que varreu ao Sporting de Gijón por 4-0 na Torre (foto cedida por Pablo López Vidal) -

Instalado na cabeza da táboa, con 7 puntos de vantaxe sobre os santanderinos, 8 sobre a SD Compostela e 10 sobre os valisoletanos, o conxunto branquiazul sufriu unha primeira fochanca. Ao empate en casa fronte ao CD Areosa vigués (1-1) na 11ª xornada sucedeulle a primeira derrota, en Torrelavega (1-0). A pesar dos dous reveses consecutivos, o Dépor continuaba liderando a táboa con 31 puntos, por 29 do Racing santanderino e 25 do conxunto santiagués.

Entón arrancou outra xeira triunfal, de catro vitorias sen encaixar un só gol, cortada na visita a Xixón para medirse ao CD La Braña (1-0). Despois de vencer de novo ao RC Celta de Vigo en casa (1-0) produciuse o terceiro tropezo, fronte ao principal perseguidor, o Real Racing Club (1-0), que se atopaba a 8 puntos de distancia e con esa sufrida vitoria conseguía colocarse a só 5.

Despois de golear ao Real Valladolid (3-0), de novo producíronse dous reveses consecutivos: 0-0 en Ávila e derrota por 1-0 en Mareo. Quedaban oito xornadas e o Real Racing Club, que tiña pendente a súa visita ao Real Valladolid, estaba a só 4 puntos.

Os branquiazuis deixáronse puntos en casa ante o CD Lugo (0-0) na 25ª xornada e, sobre todo, en Santiago fronte á SD Compostela (1-0) na 28ª xornada, despois de haber vapuleado á RS Gimnástica de Torrelavega (7-2) na Grela 1. Naquel momento, con só dúas xornadas por diante, un Real Racing Club que sumara oito triunfos de maneira consecutiva superaba na táboa ao Xuvenil A deportivista: 64 dos cántabros por 63 dos coruñeses.

- Cedeira, Pablo e Toni, nun lance da goleada á Gimnástica na Grela 1 (foto cedida por Pablo López Vidal) -

Nin Dépor nin Real Racing Club cederon na penúltima xornada. Os coruñeses bateron ao Racing Club de Ferrol (2-1) e os santanderinos fixeron o propio co CD Ourense (2-0). Por tanto, á última xornada chegábase co conxunto cántabro comandando a táboa con 67 puntos, seguido polo Deportivo con 66.

O Dépor visitaba ao Real Oviedo, situado en media táboa, sen opcións de clasificarse para a Copa do Rei e coa permanencia asegurada. Mentres, o Real Racing Club tamén xogaba a domicilio, no campo do CD La Braña, que loitaba pola continuidade na categoría coa Cultural Leonesa, o Colegio Diocesano e o Racing ferrolán. Os pupilos de José María Blanco venceron con claridade (2-4), o que unido á derrota cántabra (1-0) deulles o título do Grupo 1 e a clasificación para a Copa de Campións.

O torneo polo título nacional dividiu en dous grupos de tres equipos cada un aos seis campións zonais: CD Tenerife, Real Madrid CF e Valencia CF enfrontáronse no 1 e Sevilla FC, Athletic Club e Deportivo no 2. O Estadio Francisco Sánchez Menor de Puertollano (Cidade Real) acolleu a totalidade da fase final, que se disputou en dous bloques. No primeiro, entre os días 1 e 5 de maio, a fase de grupos. A final, entre os vencedores de cada grupo, tivo lugar o 12 de maio.

O Deportivo abriu a súa participación empatando (1-1) co Sevilla FC. Juan adiantou aos andaluces, liderados por Jesuli e Campano, e Carlos igualou desde o punto fatídico. Ao acabar o encontro houbo que disputar unha quenda de penaltis que acabaría resultando decisiva. Os branquiazuis venceron por 3-5, o que lles daba a vantaxe ante calquera empate na clasificación do grupo co cadro sevillano.

- O cadro ao completo no hotel de concentración en Puertollano (foto cedida por Pablo López Vidal) -

Na segunda xornada, os nervionenses golearon ao Athletic Club (5-1), resultado que obrigaba aos herculinos a derrotar aos bilbaínos por catro goles de diferenza no partido definitivo. Nacho, Bugarín, Deus e Carlos fixeron realidade o que parecía imposible, pero Amezaga, a seis minutos da conclusión, fixo o 4-1, resultado que apeaba aos deportivistas. Con todo, Coloma obrou o milagre no último minuto, co quinto tanto.

Despois de regresar á Coruña, os branquiazuis volvían a Puertollano unha semana despois para loitar pola coroa nacional co Real Madrid. Finalista incontestable ao impoñerse por 3-0 nos seus dous partidos ante tinerfeños e valencianos, no cadro 'merengue' despuntaba un xogador que anos despois acabaría vestindo de branquiazul: Mista.

Os pupilos de José María Blanco fixeron historia e conseguiron o título nacional ao superar aos brancos por 2-1, nun partido que se decidiu na prórroga. Barrero, de penalti, adiantou aos madrileños no minuto 23. Carlos, tamén de penalti, equilibrou a contenda aos seis minutos da segunda metade. Oliva, que só levaba tres minutos no terreo de xogo, anotou o tanto da vitoria branquiazul no minuto 11 da prórroga, cunha espectacular volea que supuxo un 'gol de ouro' que puxo fin ao encontro. Aquel 12 de maio de 1996, o RC Deportivo saltou ao céspede do Estadio Francisco Sánchez Menor de Puertollano con Dani Mallo, Adolfo, Coloma, Pablo López, Nacho (Roberto, min. 80), Toni, Cedeira, Bugarín (Ramiro Amarelle, min. 90), Xaco (Araguás, min. 90), Carlos (Oliva, min. 98) e Deus.

- Pablo posa co trofeo sobre o céspede do Sánchez Menor, xunto a Araguás, Toni e Amarelle (foto cedida por Pablo López Vidal) -

Estes foron os resultados do Xuvenil A na Temporada 1995-96:

DIVISIÓN DE HONRA XUVENIL (GRUPO 1)
CD Ourense 2 - Deportivo 4
Deportivo 3 - CD La Braña 0
RC Celta de Vigo 2 - Deportivo 3
Deportivo 1 - Real Racing Club de Santander 0
Real Valladolid 1 - Deportivo 3
Deportivo 7 - CD Colegio Diocesano 1
Deportivo 4 - Real Sporting de Gijón 0
CyD Leonesa 1 - Deportivo 3
Deportivo 4 - CA Perines 0
CD Lugo 0 - Deportivo 2
Deportivo 1 - CD Areosa 1
RSG Torrelavega 1 - Deportivo 0
Deportivo 3 - SD Compostela 0
Racing Club de Ferrol 0 - Deportivo 1
Deportivo 2 - Real Oviedo 0
Deportivo 3 - CD Ourense 0
CD La Braña 1 - Deportivo 0
Deportivo 1 - RC Celta de Vigo 0
Real Racing Club de Santander 1 - Deportivo 0
Deportivo 3 - Real Valladolid 0
CD Colegio Diocesano 0 - Deportivo 0
Real Sporting de Gijón 1 - Deportivo 0
Deportivo 2 - CyD Leonesa 0
CA Perines 2 - Deportivo 3
Deportivo 0 - CD Lugo 0
CD Areosa 2 - Deportivo 3
Deportivo 7 - RSG Torrelavega 2
SD Compostela 1 - Deportivo 0
Deportivo 2 - Racing Club de Ferrol 1
Real Oviedo 2 - Deportivo 4

COPA DE CAMPIÓNS (GRUPO 2)
Sevilla FC 1 - Deportivo 1 (3-5 por penaltis)
Deportivo 5 - Athletic Club 1

COPA DE CAMPIÓNS (FINAL)
Deportivo 2 - Real Madrid CF 1

- Entrada da final (cedida por Pablo López Vidal) -