RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ao Dépor escápaselle o partido en Montilivi na primeira metade (3-1)

O Girona FC puxo fin á xeira de empates do Deportivo, que caeu en Montilivi despois de conceder dous goles na primeira metade e ver frustrada a súa reacción na segunda parte ao conceder o terceiro tanto local cando os branquiazuis buscaban o empate con afán.

Juan Antonio Anquela, preparador branquiazul, realizou tres cambios con respecto ao once que presentou o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR fronte ao CD Mirandés. Peru Nolaskoain entrou por Gaku Shibasaki no dobre pivote, Saša Jovanović supliu a Borja Galán nun dos extremos e Samuele Longo substituíu a Borja Valle como dianteiro centro.

O partido arrancou cun achegamentos a cada portería. O primeiro, no minuto 3, nunha falta lateral lanzada con moitísima intención como é habitual por Aketxe que se paseou pola área catalá. Na seguinte acción, Marc Gual realizou o primeiro disparo do partido, desviado á esquerda da portería coruñesa.

O Girona comezou a facerse co partido e no minuto 12 dispuxo da primeira ocasión clara, nunha cabezada de Borja García, chegando desde atrás, a centro de Jozabed desde o extremo esquerdo. Dani Giménez, ben colocado, atallou o coiro con seguridade.

Catro minutos máis tarde, Stuani tentouno cun dereitazo após unha deixada de Borja García, de costas a portería, dentro da área. O balón perdeuse á dereita do marco herculino.

A intensidade do dominio xerundense foi en aumento e o equipo local adiantouse no marcador mediado o primeiro período. No minuto 24, Stuani encarou a Montero e disparou ao pau, o rexeite caeu a Borja García que, con toda a tranquilidade, bateu a Dani Giménez cun dereitazo raso ante a mirada de Lampropoulos.

Co Dépor aparvado, os branquivermellos acariñaron o segundo tanto só 6 minutos despois, nun dereitazo á media volta de Stuani que rexeitou a córner Lampropoulos despois de que o desviase lixeiramente Salva Ruiz. O balón dirixíase cara ao segundo pau, onde chegaba completamente só Marc Gual.

E na seguinte ocasión, no minuto 38, os locais ampliaron a súa vantaxe por medio de Marc Gual, que bateu con facilidade a Dani Giménez despois de caerlle un rexeite tralo intento de remate e despexe de varios xogadores nunha falta lateral.

O Girona estivo a piques de sentenciar a contenda ao bordo do descanso. Dani Giménez estivo sensacional para rexeitar unha durísima volea de Aday, que enganchou co seu pé dereito no segundo pau un córner botado moi longo por Borja García.

O Dépor saíu con outra cara na segunda metade, pero cunha montaña demasiado alta que escalar en só 45 minutos: marcar polo menos dous goles e non encaixar ningún máis para poder sacar algo positivo de Montilivi.

Aketxe foi o primeiro en tentalo, no minuto 53, cando buscou sorprender lanzando cara a portería unha falta lateral. O coiro marchouse por riba do traveseiro. Pouco despois, Mollejo cabeceou ás mans de Juan Carlos un centro de Bóveda.

O Deportivo tardou 20 minutos en recortar distancias. O gol deportivista chegou no minuto 65, despois de que Borja Valle culminase cun duro lanzamento pegado á cepa do pau dereito da portería local un longo slálom de 40 metros, após recibir a pelota de pés de Montero xusto sobre a liña divisoria.

O gol espoleou ao Dépor, que de vez pareceu perder toda a súa ansiedade, e atenazou ao Girona, medorento de deixar escapar nun dicir amén un partido que tiña liquidado.

Con todo, a pesar do seu dominio, os branquiazuis non xeraron ocasións claras. Un disparo lonxano de Longo, desviado á esquerda do portal xerundense, e unha nova falta lateral botada por Aketxe, que sacou Juan Carlos a córner, foron toda a bagaxe deportivista antes de recibir a puntilla.

Esta chegou no minuto 83. Lampropoulos perdeu unha pelota en mediocampo e xerouse un contragolpe en clara superioridade, catro contra dous, a favor do Girona. Samu Saiz conduciuno, contemporizou esperando para atopar a Stuani na situación idónea e o uruguaio, de primeiro toque, cruzou o esférico para superar a estirada de Dani Giménez.

Pese ao mazazo, o Dépor seguiu buscando o portal xerundense. Nos últimos minutos, o Deportivo someteu ao Girona a un intenso bombardeo, con canonazos de Álex Bergantiños, Aketxe en dúas ocasións, Salva Ruiz, Bóveda e Mollejo, repelidos na súa maioría por Juan Carlos, pero o marcador xa non se movería. Con esta derrota, a cuarta da temporada, o Deportivo continúa na zona baixa da táboa con 7 puntos.

Girona FC: Juan Carlos, Aday Benítez, Juanpe, Alcalá, Mojica, Granell, Borja García (Samu Saiz, min. 81), Gumbau, Jozabed (Álex Gallar, min. 66), Marc Gual (Ramalho, min. 87) e Stuani.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Lampropoulos, Montero (Vicente Gómez, min. 84), Salva Ruiz, Álex Bergantiños, Peru Nolaskoain, Jovanović (Borja Valle, min. 60), Aketxe, Mollejo e Longo (Christian Santos, min. 74).

Goles: 1-0 Borja García (min. 24); 2-0 Marc Gual (min. 38); 2-1 Borja Valle (min. 65); 3-1 Stuani (min. 83).

Árbitro: Figueroa Vázquez (c. andaluz). Cartón amarelo a Montero (min. 5), Aday Benítez (min. 52), Jovanović (min. 56), Granell (min. 63), Borja García (min. 80) e Mollejo (min. 80).

Incidencias: partido da 9ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio de Montilivi ante 7.795 espectadores.