RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dani Giménez destaca que o Dépor "soubo sufrir" e Koné, que "traballou moito"

Dani Giménez e o goleador Koné atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Estadio de Santo Domingo. Ambos quedan co esforzo e o traballo dos futbolistas branquiazuis en Alcorcón.

O meta galego, capitán hoxe do Dépor, subliñou que "estamos na onda positiva, no refacho na que nos sae todo. Un partido de sufrimento pero o equipo cre até o último minuto, cre que imos ter a oportunidade. Con precipitación nos contraataques esfumouse algunha ocasión de gol que chegou no último minuto. Moitas veces é a psicoloxía, que o equipo non se desespere, que saiba sufrir. Sabiamos que ía ser complicado. Por sorte conseguímolo polo traballo defensivo do equipo".

Sobre a súa actuación persoal, insiste que "hai dinámicas, hai refachos. Agora todo o equipo está nesa dinámica positiva e a seguir aproveitándoo. E cando cheguen os malos momentos, a centrarse no traballo diario e no partido a partido".

Ve ao equipo con "moitísima confianza. Sobre todo esa autoestima, ese crer en nós mesmos é importantísimo no fútbol e estámolo demostrando. O equipo sabe sufrir e individualmente a xente baléirase".

Eloxiou o apoio numeroso do deportivismo no Estadio de Santo Domingo: "Acábanse as palabras. Os últimos domingos están a ser impresionantes e hoxe unha vez máis é como telos en casa, como viaxan, como nos apoian e como sofren e gozan connosco. É un apoio importantísimo e sen eles é moi difícil sacar adiante estes partidos".

Insiste en que o marcador é o principal: "De onde vimos temos que ver o resultado. Logo hai que corrixir, matizar cousas. Hoxe sendo un partido no que quizas fixemos un repregamento demasiado intensivo, se tivésemos un pouco máis de claridade, de frescura nos contraataques poderiamos facer un pouquiño de dano. Salvo o gol, non inquietamos moito ao porteiro do Alcor".

Iso si, non desmerece ao conxunto madrileño, que "nos meteu aí. É certo que ás veces buscamos ese momento de relaxación e xuntámonos. Pero somos conscientes que se estamos un pouco máis adiante é máis fácil atacar. Campo dificilísimo, de sufrir. Eu coñézoo moi ben. Son 3 puntos que saben a gloria".

A nivel persoal, recoñeceu que "hoxe sufrín menos que no último partido. Aínda nos golpeos pásoo mal. Supoño que en unha ou dúas semanas isto estará superado, xa poderei sacar de porta e polo menos pasar os partidos sen tanta dor".

Insiste en que "hoxe celebraremos un pouco a vitoria e xa mañá pensando que o venres temos un partido contra un dos mellores equipos da categoría. Se non o mellor, é dos mellores cadros por calidade e nomes. E cun gran adestrador. Non nolo vai a pór nada fácil. Temos que seguir crendo, seguir traballando e seguir mellorando. Non hai máis. O pozo tamén está preto. Estamos moi centrados no que temos que facer, que é sacar puntos".

Pola súa banda, Mamadou Koné, providencial co seu gol, manifestou que "todo o equipo xunto traballamos moito. Puidemos defender como adoitabamos facer. Fomos fortes atrás e aproveitamos as ocasións que tivemos. Grazas a deus aproveitamos a última".

Explica a acción que deu o gol do triunfo: "Foi unha falta lateral, Gaku ábrea a Keko, el pon un bo centro e estou aí para rematar".

O atacante deportivista confesa que "nos merecemos a vitoria. Tivemos máis ocasións que eles e non puidemos aproveitalas. A única que aproveitamos deunos os 3 puntos. Estamos moi satisfeitos".

A nivel persoal, "a pesar de levar un tempo sen xogar estaba coa mesma confianza, porque había xente diante que o facía tan ben que era difícil entrar. Hoxe tocoume a min xogar e grazas a deus saíu ben".

Koné recalcou que "agora que estamos na boa dinámica estamos a celebralo, aproveitando o noso momento. A ver ao final onde chegamos".