RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Koné cre que "estamos a xogar mellor. Cun pouco de sorte imos saír"

O dianteiro costamarfileño Mamadou Koné manifestou ante os medios de comunicación, após recibir o Premio ao Xogador Estrella Galicia do mes de outubro, que "non estamos a levar ben" a xeira de resultados sen vitorias que arrastra o equipo. "Estamos preocupados porque levamos 15 xornadas con só 1 vitoria. Estamos a desexar saír disto", engade.

Coincide co técnico Luis César e asegura que "hai melloría. Nas últimas xornadas o equipo está a mellorar moito e estamos a xogar un pouco mellor. Hai que seguir así. Cun pouco máis de sorte, imos saír".

Pide, nestes momentos nos que "as cousas non nos están saíndo, seguir traballando así. Cun pouco máis de sorte esperemos que as cousas empecen a saír como queremos", reitera.

Recoñece que o pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Elche CF o equipo empezou ben, "pero a primeira falta que teñen métennos gol. Vímonos un pouco abaixo. Fáltanos ir gañando un partido ao principio e ir collendo esa confianza para saír adiante".

Koné é consciente, do mesmo xeito que o resto de compañeiros, da responsabilidade que supón defender as cores branquiazuis: "Cando fichamos aquí sabemos o que nos espera. Non temos que fallar na situación na que estamos agora. Temos que traballar para saír disto". "Cando ti vés ao Dépor, se non respondes non van ficharte. Nesta situación dubidas porque xornada após xornada non gañamos. Só fáltanos gañar un partido agora para que todo saia adiante", apunta.

Ante o choque deste sábado 16 de novembro no Estadio Francisco de la Hera de Almendralejo fronte ao Extremadura UD (16:00 horas, Movistar LaLiga), o atacante deportivista admite que "non gañamos aínda fóra de ABANCA-RIAZOR. Esperemos facelo esta semana e esperemos que sexa o primeiro partido de moitos. Imos ir con todo para sacar isto adiante".

Opina que se o Dépor está a encaixar poucos goles agora, "cando esteamos máis acertados arriba imos gañar os partidos. Fáltanos un pouco".