RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor non atopa o camiño do triunfo (0-2)

O Deportivo caeu ante o Málaga CF nun encontro que premiaba ao vencedor con saír das posicións de descenso. Os goles de Mikel Villanueva, ao fío do descanso, e Armando Sadiku, nos instantes finais, condenaron aos branquiazuis, que o tentaron por todos os medios na segunda parte pero non atoparon o camiño do gol co que polo menos empatar o tanto inicial dos malaguistas.

Luis César, na súa estrea en ABANCA-RIAZOR aos mandos do Dépor, realizou tres cambios con respecto ao once que presentou no seu primeiro partido como técnico branquiazul, hai 7 días no Estadio Gran Canaria. En defensa, Javi Montero entrou no sitio de Jorge Valín, co que Eneko Bóveda regresou ao lateral dereito. En mediocampo, Gaku Shibasaki substituíu a Vicente Gómez, mentres que na liña ofensiva, Víctor Mollejo ocupou a posición que ante a UD Las Palmas ocupara Borja Galán.

O Málaga gozou dun primeiro achegamento á portería de Dani Giménez no minuto 4, mediante unha das súas grandes bazas, os longos saques de banda de Luis Hernández. Nesta ocasión, o balón colgado polo central malaguista cabeceouno Adrián moi preto do pau esquerdo da portería branquiazul. No minuto 11, Sadiku dispuxo dun man a man ante Dani Giménez, aínda que moi escorado á dereita. O seu disparo detívoo con facilidade o gardameta deportivista.

Durante un longo tramo da primeira parte sucedéronse as imprecisións e erros por parte de ambos os bandos, que apenas pisaron as respectivas áreas rivais.

No minuto 32 volveu probalo o Málaga, nun novo saque de banda de Luis Hernández, que concluíu cun remate acrobático de Antoñín que deixou a pelota na parte superior da rede do portal coruñés.

De novo a balón parado levou perigo o conxunto visitante, e esta vez fíxoo para adiantarse no marcador, nun saque de esquina lanzado desde a dereita do ataque andaluz por Renato Santos, peiteado no primeiro pau por Antoñín e remachado no segundo por Mikel Villanueva. Corría o minuto 42.

Coa vitoria pola mínima do equipo malagueño chegouse ao descanso.

Á saída de vestiarios as cousas non melloraron no seo deportivista e estiveron a piques de empeorar, cousa que evitaron dúas mans milagrosas de Dani Giménez noutros tantos remates consecutivos de Cristo. O primeiro, após desbordar polo extremo esquerdo e plantarse ante o porteiro deportivista. O segundo, despois de capturar o despexe en curto da zaga coruñesa trala intervención do gardameta. Non transcorreran nin 50 segundos do comezo da segunda metade.

Unha vez superado o susto inicial, o Dépor fíxose co mando do partido. Monopolizou a posesión do balón e acaparou o dominio territorial, xogando constantemente na metade de campo do Málaga. Con todo, iso non resultou suficiente para xerar unha ocasión digna de mención.

Si é rescatable unha acción na que Renato Santos tocou o balón co brazo na área, recentemente superada a hora de xogo. O colexiado non castigou a acción con penalti, pero recibiu o aviso do VAR, tralo cal, sen achegarse a consultar na RRA (Área de Revisión do Árbitro), mandou seguir o xogo.

Pouco despois, o Málaga estivo a piques de ampliar distancias, sen sequera pisar a área coruñesa. Renato Santos enganchou unha volea desde 25 metros á que Dani Giménez respondeu cunha gran estirada, coa que desviou o coiro a saque de esquina.

Luis César fixo un dobre cambio para tratar de empuxar un pouco máis e encerrar ao equipo malaguista. Entraron Saša Jovanović e Christian Santos por Gaku e Mollejo, co que o Dépor pasou a xogar con debuxo 4-4-2.

O cambio non sentou ben ao Dépor, que viu como Sadiku tivo a opción de sentenciar o encontro en dúas ocasións consecutivas. No minuto 78, quedou só ante Dani Giménez, disparou cruzado e o balón foise lambendo o poste esquerdo da portería herculina. Acto seguido, de novo quedou man a man co porteiro deportivista, que quedou co esférico nas súas mans.

Con todo, un minuto despois o Deportivo dispuxo da súa mellor ocasión até entón. Un perfecto centro de Christian Santos desde a esquerda rematouno Longo co seu pé dereito, pero fíxoo á dereita da portería defendida por Munir Mohand.

Co Deportivo asumindo moitos riscos, o Málaga acabou sentenciando o encontro no minuto 87, cunha cabezada a porta baleira de Sadiku. O dianteiro albanés aproveitouse dun erro de cálculo de Dani Giménez cando saía a despexar un pelotazo da defensa visitante.

Con esta nova derrota, o Deportivo continúa con 8 puntos na cola de clasificación.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Peru Nolaskoain, Montero, Salva Ruiz, Álex Bergantiños, Gaku Shibasaki (Jovanović, min. 70), Mollejo (Christian Santos, min. 70), Aketxe, Borja Valle e Longo (Koné, min. 84).

Málaga CF: Munir, Cifuentes, Luis Hernández, Lombán, Mikel Villanueva (Diego González, min. 71), Keidi Bare, Antoñín (Hicham, min. 78), Renato Santos (Boulahroud, min. 85), Adrián, Cristo e Sadiku.

Goles: 0-1 Mikel Villanueva (min. 42); 0-2 Sadiku (min. 87).

Árbitro: De la Fuente Ramos (c. castelán-leonés). Cartón amarelo a Peru Nolaskoain (min. 40) e Keidi Bare (min. 85).

Incidencias: partido da 12ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 14.349 espectadores.