RCD / NOVAS

"Penso en axudar ao equipo da maneira que sexa", di Borja Valle acerca da súa nova posición

03/07/2020 18:45

Un dos capitáns, Borja Valle, pasouse esta mañá pola sala de prensa do RC Deportivo.

O polivalente futbolista berciano opina que a súa posición no terreo de xogo, de mediocentro, "é unha situación un pouco atípica. A nós no vestiario non nos sorprende tanto porque desde que chegou Fernando (Vázquez) adestrei sempre aí. É certo que pasei partidos sen xogar e non se me viu. É unha situación diferente, na que me atopo a gusto, estou contento. Principalmente penso en axudar ao equipo da maneira que sexa. Durante estes 4 anos tocoume xogar de lateral, extremo, mediapunta, dianteiro. Agora tócame de mediocentro. O meu único pensamento sempre foi o de tentar representar este escudo o mellor posible, tentar dar a talla, sexa na posición que sexa. Se me toca mediocentro, tentar axudar ao equipo, tentar conseguir canto antes o obxectivo".

Confesa sentir "sensacións atopadas" durante o tempo que non xogou: "Antes da corentena de rabia, impotencia, de non entender, de non querer aceptar mesmo, de cometer erros a nivel persoal pensando negativamente cada día, cada fin de semana. Despois da corentena a miña cabeza cambiou, a miña vida cambiou, a miña forma de pensar as cousas cambiaron. Foi unha situación complicada. É a miña vida, é o meu traballo, é do que vivo, polo que loitei toda unha vida. Pero ao final o fútbol ten unha recompensa e é estar onde estou, darlle valor a todo o que teño, a todo o que me rodea. Foi unha situación un pouco díficil pero todo pasa".

Preguntado pola súa renovación, subliña que a súa primeira resposta sería "de alegría. Levo 4 anos neste Club. Todo o mundo sabe o que vivín até o día de hoxe. Foron anos complicados pero anos de aprendizaxe, de mellora e de vivir experiencias que non vivira. Dentro dunha alegría hai mil situacións, mil conversacións. Imaxino que habería que falar as cousas moi ben e decidir que é o mellor para ambos. Eu nunca fun unha persoa egoísta pero isto é un traballo e imaxino que haberá que tomar a mellor decisión para todos. Unha situación na que non xogas, que estás moito tempo sen participar, imaxino que non será moi beneficiosa para ninguén. Habería que falar as cousas e buscar o mellor para ambos".

Nesta liña, imaxina que hai opcións de poder renovar: "O Deportivo terá que planificar o seu cadro do ano que vén. Terá mil historias e mil xogadores nos que pensar. É lóxico que a estas alturas non se saiba nada. Nós temos que actuar da mesma forma que fixemos até agora, tanto o meu axente como eu. Eu tentar representar ao Club o mellor posible e ser o máis profesional até o último día. O día que teñamos algunha novidade, sentarnos e falar encantados. É algo que en ningún momento descartamos de non sentarnos a negociar nin falar co Deportivo. Non sabemos absolutamente nada. Considero que é normal, que é unha situación normal e nós temos que actuar coa maior normalidade posible".

Reitera que "desde o primeiro día que cheguei aquí heime desvivido polo Club. O único obxectivo que tiña era demostrar que era válido para levar este escudo diante e o representei o mellor que puiden. Non me preocupa onde xogue senón o resultado final, o conseguir o obxectivo canto antes e tentar acabar o ano o mellor posible. É un ano bastante atípico, negro. Quero que se acabe xa da mellor forma posible".

De feito, advirte ter "moreas de sentimentos" nos 4 anos que leva en ABANCA-RIAZOR: "Até xaneiro non me pasou esa sensación de perda, de tristeza e darme conta que pasou moi rápido. Vin a este estadio de neno a ver ao Deportivo. Fun seareiro do Deportivo, seguino toda a miña vida. E agora miro atrás, pasaron 4 anos xa, es capitán do Deportivo, vivín momentos moi bonitos e moi complicados. Éncheseme a boca de orgullo, unha satisfacción enorme, unha sensación moi bonita que che xera tristeza pola situación que vivimos no Dépor, a situación que vives no estadio, de velo baleiro. Xamais pensei en xogar así en ABANCA-RIAZOR na situación na que estamos e menos nunha situación na que a temporada se acaba, o teu contrato acábase e non sabes o que vai pasar. Tristeza por todo o que vivín e ver que se está acabando".

Da SD Huesca, rival do Dépor este domingo 5 de xullo en ABANCA-RIAZOR (17:00 horas, #Vamos), Borja definiuno como "un equipazo. Lembro a primeira volta, unha impotencia terrible. A día de hoxe aínda seguimos falando dese partido. É das veces que máis impotencia sentín nun campo de fútbol nunha liga normal. O partido de Huesca foi un desastre, vímonos desbordados por todos os lados. Temos un referente moi importante nese partido para saber o que non temos que facer. É un equipo que está a loitar polo máis alto. Desde que volvemos do confinamento aínda está mellor. Vai ser un partido moi moi complicado. Pero interésame pouco quen estea diante. Interésame o Deportivo, o meu equipo, o meu obxectivo".

Non sabe se farán falta os 50 puntos para a salvación ou haberá que sumar máis: "Quero gañar esta fin de semana. A liga é incrible. Mesmo antes do partido falámolo varios compañeiros, se ganas ao Tenerife cámbiache a perspectiva despois de facer unha temporada horrorosa. Vénseche á cabeza se gañases 2 ou 3 partidos máis, se non os empataches no último minuto estarías a loitar por un playoff. Pero a realidade é a que é. Tes que facer mínimo 50 puntos para conseguir o obxectivo. Interésame conseguilo canto antes haxa que facer 30, 40, 50 ou 60 puntos".

Máis novas de: BORJA VALLE