RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Pepe Mel: "Nós tentamos inculcar este sentimento de pertenza aos futbolistas"

Pepe Mel compareceu ante os medios de comunicación esta mañá na Oficina de Atención ao Deportivista, tras unirse á xente mariñeira, como o resto do seu corpo técnico. "Foi o primeiro que nós fixemos nada máis chegar aquí en marzo. Ter o sentimento de pertenza é moi importante. Nós tentámosllo inculcar aos futbolistas. Así que para alguén que é desta cidade, que é galego, que sente o Dépor, é unha forma de axudar ao teu propio Club, de dicir 'aquí estou eu', e fago o que podo. O que podo é facerme socio e apoiarvos desde un asento na bancada", argumenta nada máis retirar os seus abonos de temporada.

Antes de nada, explicou a súa expulsión no partido de onte en Oviedo: "O árbitro veu ao banco a medio ameazarnos. Por moito amigable que sexa non temos que consentir que ninguén nos ameace. Ademais nun partido que estamos para adestrar. Pero non pasou nada".

Do encontro ante o conxunto carbayón, saldado con empate sen goles, resalta o técnico deportivista que "fixemos cousas no aspecto defensivo que nos primeiros partidos non puidemos traballar. Bastante mellor que contra o FC Porto. Sobre todo porque estivemos máis xuntos, tivemos máis intención de presionar cando perdemos o balón. Cousas que estamos a traballar e que aos poucos teñen que saír".

Desvelou falar "un par de veces" con Adrián López, un dos futbolistas que soa estes días no mercado para reforzar ao equipo: "El é bastante receptivo. Esperemos que todo se arranxe. Creo que o equipo necesita a alguén que nos complemente arriba. Eu non quero a ninguén que compita con Florin. Quero a alguén que nos complemente, que nos faga ser mellores. Por iso a secretaría técnica está a traballar en buscar esa peza".

Nesta liña, insiste en que "entendo no Club que estou, as dificultades que temos, o difícil que é o mercado. Hai equipos que entraron cun potencial económico enorme no mercado. Nós temos que esperar ás cousas que verdadeiramente necesitamos e tentar afinar para non equivocarnos".

Pídelle aos afeccionados que "teñan paciencia, igual que a teño eu. E confiar na secretaría técnica, que está a traballar todo o ben que pode. O mercado para nós non é fácil". "Dígolle á xente que estea tranquila, que estamos a traballar ben. As cousas melloran. Estou seguro que o Dépor vai facer un bo ano", engade.

Ten claro Pepe Mel que o Dépor é un equipo que "ten que traballar desde a seguridade defensiva e logo tentar construír o xogo o mellor posible, porque temos argumentos".

Finalmente, do rival da LXXII edición do Trofeo Teresa Herrera de mañá sábado (20:30 horas) no Estadio ABANCA-RIAZOR, o West Bromwich Albion, recalca que "é un rival clásico da Premier League, é moi duro, fai as cousas ben, traballa moi serio. É un equipo moi rochoso, moi forte".