O Dépor ABANCA encara a semana previa a visitar ao Real Madrid "con moitísimo detalle, moitísima paixón, moitísimo traballo"
O Dépor ABANCA, hoxe martes con xornada de descanso, arrinca mañá mércores a preparación do seguinte partido en Liga F, este sábado 15 de marzo ás 12:00 (Dazn) no Estadio Alfredo Di Stéfano ante o Real Madrid CF, correspondente á 22ª xornada.
Os resultados da pasada fin de semana, coa derrota en ABANCA-RIAZOR ante a SD Eibar, deixaron ás Nosas en 12ª posición con 21 puntos.
Após o partido ante as eibarresas, Fran Alonso confesa que "sabemos que imos estar loitando polo obxectivo até a última xornada. Este ano vai estar moi difícil. Hai moitos equipos involucrados. Os equipos da parte baixa están a puntuar todas as semanas. Isto vai ser unha loita até o final".
Pide "centrarnos en nós mesmas, seguir con esta dinámica de crecemento".
Aínda que recoñece que non puntuar ante a SD Eibar "é un pasiño atrás", sostén que "o equipo segue competindo, segue con esa fortaleza mental que nos vai a axudar a conseguir o obxectivo".
Así pois, expresa o preparador deportivista "100% de confianza en que este grupo o vai a sacar adiante".
Fran Alonso asegura que As Nosas enfocan a semana "con moitísimo detalle, con moitísima paixón, con moitísimo traballo".
Lembra que no partido de ida entre Dépor ABANCA e Real Madrid CF "80 minutos fixemos un partido moi serio no que iamos gañando 1-0. Logo en 10 minutos desinflámonos e ao final saímos goleadas. Agora o equipo está cunha confianza e un estado anímico no que concedendo goles segue querendo marcar e non temos esa debilidade mental".
Están previstas 3 sesións de traballo matinais en Abegondo, a última, a do venres 14, media hora antes do habitual porque as convocadas por Fran Alonso viaxarán a Madrid nada máis finalizar.
A planificación semanal, sempre susceptible de sufrir variación por razóns técnicas, é a seguinte:
Mércores 12 de marzo 11:00 h.
Xoves 13 de marzo 11:00 h.
Venres 14 de marzo 10:30 h.
Sábado 15 de marzo 12:00: Real Madrid - Deportivo ABANCA, no Estadio Alfredo Di Stéfano