Historia do Fabril
Aínda que asinou o seu primeiro convenio de filiación co RC Deportivo a finais dos anos 40, converteuse oficialmente en conxunto filial en 1964 e desapareceu como Club para integrarse na estrutura do Club branquiazul en 1993, o Fabril é un club centenario, cuxos primeiros partidos se remontan a 1913 e a súa constitución prodúcese o 20 de febreiro de 1914. Foi D. Emilio Fernández, dono dunha fábrica de caixas de madeira para transportar peixe situada en Catro Camiños, quen dirixiu a formación do Fabril Foot-ball Club, que empregaría como indumentaria camisola azulgrana e pantalón negro.
A partir de 1926, o Club adopta a nova denominación de Sporting Fabril, ao albergar seccións doutras disciplinas deportivas. Após a conclusión da Guerra Civil, o Fabril intégrase na Primeira División de Modestos. En 1941, debido á nova Lei que prohibe os extranxeirismos, volta a mudar de nome: Fabril Sociedade Deportiva.
En 1948 pasa a participar na Serie A Rexional e comeza a disputar os seus encontros no campo de adestramento de Riazor. É nesa época cando os irmáns Vidal Agra (Rafael, Fernando, Manuel e Alfonso), directivos fabrilistas, asinan un convenio de filiación co RC Deportivo, cando este é presidido por Daniel Chaver Gómez. Roberto Manuel Pérez Martínez, directivo do RC Deportivo, pasa nese momento para presidir o Fabril SD.
Na Temporada 1953-1954, proclamouse por primeira vez Campión Galego de Afeccionados, ao vencer ao Turista SC vigués, con Luís Suárez como figura. O Fabril convertíase deste xeito no primeiro equipo herculino en alcanzar ese título. Naquela temporada, así mesmo, logra o seu primeiro ascenso a categoría nacional, a Terceira División, tras ser campión da Serie A Rexional e vencer na promoción de ascenso ao Juvencia asturiano, ao que derrotou por 4-2 na Coruña e 1-2 en Trubia. Compoñen o once fabrilista: Santamarina, Boedo, Piñeiro, Vasco, Barreiro, Porvén, Chines, Naya, Tito, Manolé y Bouza. Co salto de categoría produciuse un cambio na presidencia. A D. Rafael Vacas Rodríguez sucedeulle un antigo xogador do RC Deportivo nos anos trinta, D. José Torres Mourelle, propietario do Bar Astoria. No seu primeiro piso achábase a sede do Club.
A cidade pasaba a ter naqueles momentos dous equipos en Terceira División: Fabril SD e CD Juvenil, aos que o RC Deportivo, ante as penurias económicas polas que atravesaban, instou a fusionarse. Na temporada 1959-1960, o Fabril, ao vencer en Riazor por 0-2 ao Juvenil na penúltima xornada, provocaba o descenso á Serie A Rexional do seu rival local, que xa non voltaría á categoría nacional. Xogou o Fabril, dirixido por Enrique Nieto "Henry", aquel 10 de abril de 1960 con Pita, Blanco, Mantido, Pintos, Tablilla, Chas, Pepiño, Martín, Pan, Carlos Ruiz e Salgado.
Na Temporada 1963-1964, o Fabril acariñou o ascenso a Segunda División. Após ser segundo en Terceira División só superado polo Compostela, superou a Ponferradina na primeira eliminatoria da promoción de ascenso (2-2 en Ponferrada e 2-1 en Riazor) mais caeu nunha durísima segunda rolda ante a Gimnástica de Torrelavega. Despois de gañar os herculinos por 2-1 en Riazor, os cántabros levaron a vitoria polo mesmo resultado no Malecón. Houbo que recorrer a un desempate, disputado no Molinón dous días despois e que tamén concluíu en igualada (2-2). Ao día seguinte, novo partido de desempate, con dramático desenlace. Dous postremeiros goles de Gómez e Alonso deron a volta ao tanto do branquiazul Pito (2-1). O equipo que presentou o técnico Ricardo Badás, no último partido, o 17 de xuño de 1964, estaba composto por Giráldez, Igartua, Manolete, Minador, Bellón, Guitián, Machicha, Pito, Mosquera, Beci e Pellicer.
Foi ao regreso de Xixón, tras aquela dramática derrota, cando o Fabril SD se converteu definitivamente en filial do RC Deportivo. Baixo a presidencia de D. José González Dopeso e sendo máximo mandatario deportivista D. Antonio José González, o Club cambiou a súa denominación a Fabril Deportivo ao se fusionar co moribundo CD Juvenil. Aquela temporada da promoción, por convenio xa adoptara o equipamento branquiazul do RC Deportivo.
Na Temporada 1967-1968, Arsenio Iglesias faise cargo da dirección do equipo, que descende a Rexional ao final da Temporada 1969-1970 após dezaseis campañas consecutivas na categoría de bronce. Debido á reestruturación dos grupos establecíanse nada menos que doce descensos nunha Liga de vinte equipos. O Fabril foi undécimo e caeu a Rexional, pero o paso polo cuarto chanzo sería efémero. Xa con Rodrigo García Vizoso como técnico tras o "ascenso" de Arsenio ao primeiro equipo durante o Nadal de 1970, o Fabril regresaba a Terceira ao derrotar ao Barreda cántabro na promoción. O equipo fabrilista impúxose por 4-0 en Riazor despois de empatar sen goles en Torrelavega no encontro de ida.
Previamente, o Fabril lograra o ascenso en 2007 despois de se proclamar campión de Terceira e eliminar na promoción o Anguiano rioxano (derrota por 2-1 a domicilio e triunfo por 4-1 en Riazor) e o Don Benito estremeño (vitoria por 0-2 na ida e empate 1-1 en Abegondo). A aliñación do Fabril, naquel empate logrado o 24 de xuño de 2007, foi a composta por Fabricio, Chapi, Juachi, Juanan, Adrián, Álex Bergantiños, Borja (Madrigal, min. 74), Nacho, Rubén Rivera, Iván Pérez (Herbert, min. 49) e José Arenas (Rubén Méndez, min. 88). Tres temporadas máis tarde repetiu éxito: Campión de Terceira e novo equipo de Segunda B ao superar o Burgos nunha eliminatoria decidida na quenda de penaltis (3-0) tras senllos empates sen goles. No encontro de volta, en Riazor, o Deportivo B saltou ao terreo de xogo con Diego Rivas, Seoane, Castillo, Rochela, Raúl García, Héctor, Dani, Chirri (Vela, min. 99), Luis Ángel, Añón (Juan Carlos, min. 67) e Joshua (Hugo García, min. 75).
Após descender á finalización da Temporada 2010-2011, o Deportivo B sempre militou en Terceira. Primeiro, na última temporada de Tito Ramallo no banco. Despois, nas dúas temporadas con José Luis Devesa como adestrador. E desde 2014, baixo a dirección técnica de Manuel Mosquera. Desde entón disputou sen éxito dúas eliminatorias polo ascenso a Segunda B. A primeira, na campaña 2012-2013, na que superou o Cornellá (triunfo por 3-1 en Abegondo e derrota por 2-1 en Cataluña) e o Tuilla (vitoria por 2-0 en casa e derrota por 2-1 en Asturias), antes de caer na final ante El Palo. Despois de gañar en Riazor por 4-2, os fabrilistas sucumbiron (2-0) no encontro de volta disputado en Málaga. A segunda produciuse na Temporada 2014-15. O Fabril eliminou a Cultural de Durango (derrota por 2-1 en Euskadi e vitoria por 2-0 en Abegondo) e quedou na cuneta ante o San Pedro de Alcántara (derrota por 1-0 na localidade malagueña e empate sen goles na Coruña).
Á terceira foi a vencida, e o equipo fabrilista, con Cristóbal Parralo como adestrador, regresou á categoría de bronce tras proclamarse, na Temporada 2016-2017, campión do Grupo I de Terceira División e impoñerse na eliminatoria de campións ao Cacereño (0-0 en Cáceres e 2-0 en Riazor). Formaron no encontro de volta, o 28 de maio de 2017, Álex Cobo, Blas, Quique Fornos, Nacho Monsalve, Lucas, Carlos López, Edu Expósito, Borja Galán, Manu Molina (Álvaro Queijeiro, min. 74), Óscar Pinchi (Álex Corredera, min. 89) e Jardel (Borja Domingo, min. 58). Para festexar o retorno a Segunda B, o Club recuperou o nome de Fabril de maneira oficial. Desde o 10 de xullo de 2017, a súa denominación é Real Club Deportivo Fabril. A temporada do renomeamento acabou sendo a mellor na historia do equipo, subcampión do Grupo I de Segunda División B solo superado polo Rayo Majadahonda. No playoff de ascenso a Segunda, os fabrilistas caeron eliminados polo Extremadura UD.
En toda a súa historia, o filial deportivista militou 11 temporadas en Segunda División B, por 49 en Terceira División. No seu palmarés figuran un Campionato Galego de Afeccionados (1953-1954), dous títulos da Serie A Rexional de Galicia (1953-54 e 1976-77), catro títulos do Grupo I de Terceira División (2005-2006, 2006-2007, 2009-2010 e 2016-2017) e tres Copas Deputación da Coruña (1994, 1997 e 2001).