RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Historia dos xuvenís

Image

O equipo Xuvenil do RC Deportivo nace en 1949, sendo presidente Daniel Chaver Gómez, e da man do adestrador do primeiro equipo, o arxentino Alejandro Scopelli. "O Coello", como era alcumado cando era xogador de Estudantes de La Plata e da selección arxentina coa que foi subcampión do Mundo en 1930, foi un técnico revolucionario en moitos aspectos, entre eles a creación de categorías inferiores. O principal problema co que se achou foi que aínda non existían competicións específicas para estes equipos. É por iso que na súa primeira temporada, os Xuvenís do RC Deportivo participaron na Serie A Rexional, medíndose a equipos adultos cando todos eles eran menores de 18 anos. O equipo era coñecido nun principio como "Escola Scopelli", aínda que naquel campionato foi inscrito como Deportivo B. Formaban aquel equipo Ernesto, Boedo, Modesto, Salorio, Barbeito, Fefé, Juan Núñez, Folla, Losada, Luis Suárez e Bouza, con Díaz como porteiro suplente.

Image

Na Temporada 1950-51 organízanse as primeiras competicións oficiais. O RC Deportivo disputa a Copa de España. A primeira participación non foi demasiado frutífera. Tras quedar exento no sorteo da rolda previa, o Deportivo cae en oitavos de final ante o Valladolid-Salvador. O 6 de maio de 1951 empatan 3-3 e ao día seguinte disputan un partido de desempate no que os valisoletanos se impoñen por 0-1.

Durante case tres décadas non existe competición de Liga a nivel nacional. O RC Deportivo disputa o campionato local e en varias ocasións logra clasificarse para a Copa de España, que adoitan disputar un máximo de 32 equipos. Na súa segunda participación, en 1952, alcanza os cuartos de final após eliminar o Buenavista e o Celta e caer ante o Plus Ultra e en 1954 é eliminado na segunda rolda previa polo Sporting de Gijón, despois de derrotar na primeira o Imperial de Vigo.

A posteriori, o RC Deportivo estivo unha década sen participar na Copa, até que en 1964 voltou a alcanzar os cuartos de final, nos que caeu por primeira vez no que se converteu co paso dos anos no seu grande verdugo, o Athletic Club de Bilbao. En oitavos deixara no foxo a Cultural Leonesa.

Despois de dous anos de ausencia, en 1967 voltou a se clasificar, no que foi o inicio da súa mellor serie, con oito participacións consecutivas, até 1974. As mellores actuacións producíronse en 1972 e 1974, nas que alcanzou os cuartos de final. Na primeira delas quedou exento dos dezaseisavos de final, derrotou o Juventud Asturiana en oitavos e caeu eliminado a mans do San Sebastián. Na segunda, deixou no foxo Palencia e Westinghouse Reinosa, para ceder ante o Chamartín.

En 1976 creouse a Liga Nacional Xuvenil, en principio formada por oito grupos zonais, nunha distribución similar á da Terceira División. Para a Temporada 1976-1977, o RC Deportivo ficou encadrado no Grupo I e no seu debut alcanzou a cuarta praza, superado por Ensidesa, Oviedo e Celta. Na súa terceira campaña, a 1978-1979, a redución de oito a seis grupos prevista para o exercicio posterior provoca numerosos descensos. O RC Deportivo, undécimo, descende ao campionato local.

Tres campañas pasarían os Xuvenís deportivistas na liga local até recuperar a categoría. Na Temporada 1982-1983 volven xogar en Liga Nacional pero a súa décimocuarta posición provoca un novo descenso. Ao ano seguinte recuperaron a categoría. Na Temporada 1985-1986 estaba en xogo a participación na futura Superliga Xuvenil. O RC Deportivo alcanza unha insuficiente sexta praza, pois só os tres primeiros teñen acceso á nova máxima categoría nacional.

Nas seguintes campañas, o RC Deportivo non alcanza postos de cabeza, mais na Temporada 1989-1990 logra un quinto posto que lle permite pasar a formar parte da nova División de Honra (equivalente da Liga Nacional, aínda que con menos equipos por grupo). Durante as cinco campañas con este formato, o RC Deportivo disputa dúas fases de ascenso e unha pola permanencia.

Image

Na Temporada 1995-1996 voltou a mudar o sistema de competición. Desaparecía a Superliga e a División de Honra, dividida en grupos, pasaba a ser a máxima categoría, dilucidándose o título nacional nun mini-torneo, a Copa de Campións, entre os gañadores de cada grupo. Non puido comezar mellor esa nova era, pois o RC Deportivo proclamábase campión do Grupo I após superar o Racing de Santander, que o avantaxaba nun punto antes da última xornada. O equipo dirixido por José María Blanco impúñase por 2-4 ao Oviedo mentres os cántabros perdían sorprendentemente en Xixón ante La Braña (1-0).

O RC Deportivo quedaba encadrado no Grupo 2 da Copa de Campións, que se celebraría en Puertollano (Cidade Real). O equipo branquiazul comezou empatando 1-1 co Sevilla, ao que se impuxo nunha quenda de penaltis que acabaría resultando decisiva. No segundo encontro, o Sevilla venceu o Athletic Club por 5-1, o que obrigaba aos herculinos a derrotaren os bilbaínos por catro goles de diferenza. O RC Deportivo conseguiuno mercé a un tanto de Coloma no último minuto.

Image

Na final, o equipo deportivista mediuse ao Real Madrid. Os pupilos de José María Blanco fixeron historia e conseguiron o título nacional ao superar os brancos por 2-1, nun partido que se decidiu na prórroga. Barrero, de penalti, adiantou ao equipo madrileño no minuto 23. Carlos, tamén de penalti, equilibrou a contenda aos seis minutos da segunda metade. Oliva anotou o tanto da vitoria branquiazul no minuto 7 da prórroga. Aquel 12 de maio de 1996, o RC Deportivo saltou ao céspede do Estadio Francisco Sánchez Menor de Puertollano con Dani Mallo, Adolfo, Coloma, Pablo López, Nacho (Roberto, min. 80), Toni, Cedeira, Xaco (Araguás, min. 90), Carlos (Oliva, min. 100), Bugarín (Ramiro Amarelle, min. 90) e Deus. Completaban o conxunto os porteiros Moscoso e Diego Arias e os xogadores Víctor Pérez, Juan Naya e Luis Mosquera.

Naquela temporada, ademais, os Xuvenís gañaron o dereito a disputar a Copa do Rei, 22 anos despois da súa última participación. O Athletic Club foi o seu verdugo (1-2 na Coruña e 1-1 en Lezama) na primeira eliminatoria, os oitavos de final. O equipo Xuvenil tardaría un lustro en voltar a se clasificar para o torneo do KO. Foi na Temporada 2000-2001, con Tito Ramallo no banco, mercé ao subcampeonato do Grupo I de División de Honra. De novo o Athletic Club cruzábase no camiño dos branquiazuis ao primeiro de vez (0-2 na Coruña e 2-0 en Bilbao).

Voltaría a se cumprir outro ciclo de cinco anos até que os Xuvenís deportivistas disputaron de novo a Copa do Rei, após unha época na que a estrutura de fútbol base do club se recompuxo e se trasladou á nova Cidade Deportiva de Abegondo e na que se produciron numerosas substitucións no banco. Richard Barral, Juan Riveiro, Anto... Foi xa con José Luis Devesa, na Temporada 2005-2006, na que o RC Deportivo finalizaba terceiro na División de Honra. E de novo, o Athletic Club cortaba as ilusións herculinas. Os bilbaínos gañaban por 1-0 no seu campo e o Dépor facía o propio na volta, mais por 3-2. O valor dobre dos goles en campo contrario deu a clasificación aos "cachorros" de Lezama.

Tras un novo terceiro posto e outra participación copeira, superando o Danok Bat en oitavos e caendo en cuartos ante o Valencia, na Temporada 2007-2008 chegou o segundo título de División de Honra. Na Copa de Campións, cruel eliminación no primeiro encontro, fronte ao Sevilla, na quenda de penaltis (4-5) tras o 2-2 co que concluíron os 120 minutos. Xogaron polo RC Deportivo, aquel 5 de maio de 2008 no Estadio Alberto Ruiz (Colmenar Viejo), Darío, Hugo Rodríguez (Vieytes, min. 97), Marcos Caridad, Agustín, Raúl, Juan Domínguez, Héctor (Luís Ángel, min. 65), Añón (Óscar, min. 107), Dani Bea (Benito, min. 58), Chirri e Hugo García. O adestrador era José Luis Devesa. Aquel equipo tamén disputou a Copa do Rei. A Real Sociedad eliminou os coruñeses nos oitavos de final: 3-0 en Zubieta e 3-3 en Abegondo.

No exercicio 2008-2009, novo subcampeonato e pasaporte copeiro. O RC Deportivo quedaba de novo nos cuartos de final, ante o Tenerife, despois de superar a Real Sociedad. E na campaña 2009-2010 conquistouse a terceira coroa de División de Honra. Na Copa de Campións tampouco houbo sorte, pois o Valencia, con Paco Alcácer e Isco nas súas filas, derrotou os branquiazuis na primeira eliminatoria (1-2). O partido disputouse o 3 de maio de 2010 no Estadio Foietes de Benidorm e o RC Deportivo formou con Edu, Martín (Insua, min. 46), Anxo, Uxío, José Manuel, Carlos, Vela, Adrián (Juan, min. 60), Iago Beceiro (Álex, min. 60), Juan Carlos e Richi (David, min. 76). Na Copa do Rei, unha vez máis o Athletic e unha vez máis os cuartos de final: 1-0 na ida en Abegondo e 2-0 na volta en Lezama. En oitavos, caera a mans deportivistas, novamente, a Real Sociedad.

En 2010, José Manuel Martínez Paz "Secho" sucede como míster deportivista a Devesa, tras sete temporadas deste ao mando dos Xuvenís. Na súa estrea o equipo alcanza unha terceira posición que o leva a disputar a Copa do Rei por sexta campaña consecutiva. Naquel curso 2010-11, o RC Deportivo Xuvenil asinaría a súa mellor actuación no torneo do KO, ao alcanzar as semifinais. En oitavos eliminou, por terceira vez consecutiva, á Real Sociedad (1-2 en Zubieta e 4-1 en Abegondo) e en cuartos logrou unha histórica vitoria sobre o Real Madrid (2-0 en Abegondo e 3-1 en Valdebebas). En semifinais, o Barcelona de Deulofeu e Rafinha foi demasiado rival: 1-4 en Abegondo e 3-3 no Miniestadi. O 18 de xuño de 2011, na Cidade Condal, defenderon a camisola branquiazul David Gómez (Rodrigo, min. 81), Uxío, Adrián, Fernando (Róber, min. 31), Insua, Álex Ares (Tomás, min. 62), Iago Beceiro, Queijeiro, Luis (Brais, min. 54), Lemos (Manu Valerón, min. 46) e Álex Pérez.

Os Xuvenís voltaron a disputar a Copa do Rei en 2013, caendo ante Osasuna en oitavos de final, en 2015, sendo eliminados na mesma rolda pola Real Sociedad, e en 2017, eliminando ao Osasuna en oitavos de final e caendo en cuartos ante o Sevilla. Na Temporada 2013-2014, un xogador do RC Deportivo campión de Liga de Primeira División en 2000, Jaime Sánchez, foi o adestrador do equipo Xuvenil, deixando paso a campaña seguinte a un excapitán do primeiro equipo branquiazul, José Ramón González Pérez.

Os Xuvenís branquiazuis non volveron impoñerse no Grupo 1 da División de Honra ata o curso 2020-21, no que ademais acabaron facendo historia ao conquistar a segunda Copa de Campións, xusto un cuarto de século despois da primeira. O equipo dirixido por Óscar Gilsanz superou a RC Celta e Real Sporting de Gijón e accedeu ao torneo polo título nacional, nun formato diferente ao habitual debido á pandemia de COVID-19. Os branquiazuis cruzáronse nuns cuartos de final a dobre partido coa UD Las Palmas, resoltos na quenda de penaltis na capital canaria (2-1 e 2-1, 1-3 por penaltis). As semifinais, nunha Final Four celebrada en Marbella, depararon un duelo co Real Madrid que decidiu un cabezazo do central Fito á saída dun córner (1-0). Na final esperaba o FC Barcelona, que nada puido facer ante os Xuvenís deportivistas, que se impuxeron con claridade (3-1), grazas a un dobrete de Noel e un tanto de Mario. O equipo deportivista que saltou ao céspede do Marbella Football Center o 27 de xuño de 2021 estivo formado por Brais Suárez, TrilliFito (Urdialesmin. 89), Dani Barcia, Guille Bueno, Brais Val, Mario (Raúl, min. 78), Víctor, Nájera (Jairo, min. 89), Mella (Nico Cloustonmin. 89) e Noel (Yeremaymin. 83).

Image

Esa vitoria permitiu ao Xuvenil A participar na UEFA Youth League por primeira vez na súa historia, na Temporada 2022-2023. O equipo branquiazul eliminou na primeira rolda da Ruta de Campións Nacionais ao campión polaco, o MKS Pogoń Szczecin, despois de remontar o 3-0 da ida cun 4-0 sobre a bucina en ABANCA-RIAZOR, onde se congregaron máis de 8.500 afeccionados. Na segunda eliminatoria, os branquiazuis varreron en ABANCA-RIAZOR, ante máis de 12.000 espectadores, ao Maccabi Haifa FC, campión de Israel (5-1) e aguantaron a súa vantaxe no partido de volta (3-0). Na rolda de playoff o rival foi un dos equipos procedentes da Ruta Champions League (na que participaron os 32 equipos cuxo conxunto sénior xogou a Liga de Campións aquela campaña), o FC Dynamo Kyiv, a partido único en ABANCA-RIAZOR. A pesar de quedar cun xogador menos á media hora por expulsión de Rubén López, os pupilos de Manuel Pablo igualaron o marcador (2-2), levados polo aire por nada menos que 20.115 deportivistas. Na quenda de penaltis, os ucraínos estiveron máis acertados (2-3) para poñer fin ao soño de #ANOSACANTEIRA.