A comunidade universitaria, protagonista do "Día Dé" o vindeiro domingo en ABANCA-RIAZOR
O RC Deportivo continuará o vindeiro domingo 26 de novembro, no sétimo partido de Liga en ABANCA-RIAZOR, fronte ao CA Osasuna Promesas (20:00 horas), coa iniciativa "O Día Dé", coa que abre o Palco de Honra do Estadio á afección e á cidadanía. Este sétimo encontro será "O Día Dé Universidade", nunha chiscadela aos estudantes universitarios, especialmente aqueles que se forman nunha titulación relacionada cos distintos departamentos que integran o club.
Nesta ocasión serán varias as universidades que teñan representación no medio centenar de prazas do palco principal do recinto, a localidade máis exclusiva e con mellor visibilidade de ABANCA-RIAZOR. En representación da comunidade universitaria estarán membros do profesorado da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), representantes da Universidade da Coruña (UDC), cuxa representación estará encabezada por Julio Abalde -reitor da universidade- ao que acompañarán varios alumnos de distintas titulacións e membros do Centro de Investigación en Tecnoloxías (CITIC).
En cada partido en ABANCA-RIAZOR esta temporada, máis da metade das localidades do Palco de Honra estarán dedicadas a un colectivo da cidadanía ou a un sector da afección, para facer a entidade máis próxima e dar protagonismo á masa social deportivista e agradecer o seu excepcional apoio unha temporada máis.