RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Garitano: ''somos capaces co equipo que temos de plantar cara ao Sevilla''

Gaizka Garitano asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o Deportivo aproveitou este parón ligueiro para "adestrar, para traballar. Estamos con moita ilusión de face ao partido de mañá", ante o Sevilla en Riazor (13.00 horas, Bein Sports).

Precisamente ante o cadro hispalense, quere o técnico deportivista que se vexa "un bo Dépor. Sabemos (sobre o Sevilla) que é un gran equipo, con grandes xogadores, tres veces campión de Europa os últimos anos. Un dos mellores equipos que hai na liga".

Opina que "en casa temos boas sensacións e temos que seguir un pouco na liña que vimos en casa. Temos un partido dos máis difíciles que podes xogar. Pero tamén xogamos diante da nosa afección, en casa temos mellores sensacións que fose. Creo que podemos facer un bo partido e ter oportunidades de gañar. Vin traballando ben aos rapaces estas dúas semanas e estamos con ganas de conseguir esa vitoria que nos de tres puntos importantes, e dar unha alegría á xente".
 
Apunta en canto ao partido que "a nosa idea é atacar pero sempre tendo un equilibrio defensivo. Eles atacan con moita xente e xogan un ritmo bastante alto. Ás veces os partidos, os deles digo, convértense nun pouco aloucados. Temos que controlar iso e tratar de facerlles dano en ataque".
 
Recoñece Garitano que "a min me encantan os equipos intensos. Esa é a idea desde o minuto uno, apertar arriba, ser un equipo intenso cando non teña balón e alegre cando teña o balón. Iso é o que temos que conseguir máis intre".
 
Sobre Celso Borges, o último internacional en incorporarse ao grupo tras o seu paso pola selección de Costa Rica, apunta que "ten unha boa capacidade de recuperación. Veu 48 horas antes. Onte falei con el, adestrou, hoxe adestrou. Esperaremos a mañá a tomar unha decisión se xoga de principio ou non".
 
Outro nome propio que saíu na rolda de prensa de hoxe foi o de Joselu, na recta final da súa recuperación. Non oculta Garitano que "tiñamos a ilusión de recuperalo para mañá. Non é unha recaída, é un pequeno paso atrás duns días, pero o suficiente para atrasar un pouco a súa reaparición. Está ben, pero a lesión está un pouquiño fresca".
 
Deixou claro en canto a pronta apertura do mercado de inverno que "eu non pedín nada nin o vou a facer. Somos capaces co equipo que temos de plantar cara ao Sevilla porque xa o fixemos contra a Valencia e contra outros equipos".