RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Holanda apea da final do Europeo sub-17 a España, coa deportivista Carlota no banco

- Foto: www.uefa.com -

A xogadora do Deportivo ABANCA B Carlota Sánchez está concentrada coa selección española sub-17 na Fase Final do Campionato de Europa da categoría.

Hoxe martes 14 de maio, España mediuse a Holanda na localidade búlgara de Kabarna, por un posto na gran final. Foron mellores as holandesas (1-3), que deixaron ás españolas sen a posibilidade de poder revalidar o título. Carlota foi suplente nesta ocasión.

España goleou o pasado sábado 11 de maio (0-6) a Portugal, no duelo decisivo da Primeira Fase. Carlota tamén seguiu o choque desde o banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.

A futbolista do Dépor ABANCA B estreouse o pasado mércores como goleadora no triunfo de España ante a anfitrioa Bulgaria (0-3). Após arrancar o choque no once titular, a atacante deportivista, no minuto 42 de xogo, aproveitou un rexeite da súa compañeira Isabel Pala para abrir o marcador e encarrilar o primeiro triunfo español no torneo.

Na segunda metade, concretamente no minuto 66, Carlota foi relevada por Ornella Vignola.

A xogadora coruñesa debutou no Europeo o pasado domingo 5 de maio ante Dinamarca no once inicial español. Xogou 64 minutos, ata que foi relevada por Julia Bartel.

O choque acabou en igualada (0-0), aínda que a selección española, vixente campioa, gozou de innumerables ocasións de gol, até un total de 24 disparos a porta.

Os resultados de España neste Europeo foron os seguintes:

Domingo 5 de maio
ESPAÑA 0 - DINAMARCA 0

Mércores 8 de maio
BULGARIA 0 - ESPAÑA 3

Sábado 11 de maio
PORTUGAL 0 - ESPAÑA 6

Martes 14 de maio
Semifinal
ESPAÑA 1 - HOLANDA 3

Carlota segue os pasos dados con anterioridade por outras xogadoras deportivistas como Teresa Abelleira, Nuria Rábano e Malena Mieres, tamén internacionais en categorías inferiores.