RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano cre que "o máis xusto é o empate" e segue pensando "que podemos ser campións"

Óscar Cano manifestou na sala de prensa da Malata que "sigo pensando que podemos ser campións. A distancia co primeiro clasificado, aínda que agora hai dous, é a mesma. E queda moitísimo por disputar, son 6 partidos, 18 puntos. Estamos a un partido e medio. Encima a un dos dous de arriba témolo que recibir. Vai haber moitas modificacións aínda, vai haber moitos vaivéns e altibaixos no que queda de competición".

Sobre o partido, comentou que foi "moi igualado, como sabiamos que ía ser. Eles co seu potencial por fóra, con Heber e sobre todo con Carlos, que é un xogador dun nivel altísimo. Quitando 2 ou 3 achegamentos que tiveron eles e nós algún de Quiles, a primeira parte foi moi igualada. Na segunda, eles apertaron pero non lembro ningunha parada de Mackay. Estivemos moi ben en defensa, esperado polo tipo de partido que era, un partido moi próximo ao que pode ser un partido de playoff entre dous equipos aí arriba; e tivemos a máis clara nas botas de Arturo nun minuto que podía ser clave, creo que o 78. Ao final o partido acabou con envíos á área, sen ningún tipo de perigo".

O adestrador deportivista cre que "o máis xusto é o empate porque foi un partido moi rifado entre dous grandes equipos, que por iso están no alto da clasificación".

No entanto, lembra que "en León tivemos a máis clara, en La Línea tivemos a máis clara, hoxe volvemos a ter un gol moi claro. Imos quedarnos co esforzo que fixeron os rapaces, con que levamos ben a esixencia do partido".

Non se atreve Óscar Cano a dicir unha cifra de puntos para ser campións porque "están a sumar moitísimo todos, incluso os da parte de abaixo. Hai equipos que mesmo se achegaron a playoff como o Linares Deportivo, o AD Mérida vén moi forte, hai enfrontamentos entre nós con xente de arriba, de abaixo... Están a xogarse tantísimo os equipos que é igual enfrontarche aos de arriba que aos que tratan de fuxir do descenso. Todos os equipos vanse a deixar puntos porque é unha categoría moi esixente, como puidestes comprobar nestes case 2 anos que levamos nela e encima este ano aínda máis forte; e o ano que vén aínda máis forte. O fútbol español está de parabén coa creación desta categoría porque elevou o nivel".