RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álvaro Rey regresa á convocatoria do Dépor para a visita de mañá ao RC Celta B

O Dépor visita mañá domingo 27 de marzo ás 12:00 (Footters, TVG-2 e G24.gal) no estadio ABANCA-Balaídos ao RC Celta B, en partido correspondente á 28ª xornada no grupo 1º de Primeira RFEF, coa novidade de Álvaro Rey. O atacante sevillano regresa á lista despois de superar unha lesión muscular.

Son baixa os tocados Miku, Víctor e Trilli; ademais do canteirán Noel, concentrado coa selección española sub-19 disputando o Minitorneo Elite da categoría.

Yeremay e Iván Guerrero son a representación de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 21 futbolistas. Trilli, habitual durante toda a temporada, non estará dispoñible para Borja Jiménez debido a unhas molestias nun nocello que o mantiveron á marxe do grupo durante toda a semana.

O vestiario admite que o partido é especial para #ANOSAFORZA por quen é o rival pero matizou que a palabra derbi só aplicaríase se o partido fose contra o primeiro equipo céltico, tal e como manifestou onte en rolda de prensa Rafa de Vicente.

Tal e como vén sucedendo en todos os campos desta Primeira RFEF, haberá unha nutrida representación de deportivistas na bancada, un total de 600, aproveitando neste caso a proximidade entre as dúas cidades.

Borja Jiménez sostén que o partido é "especial como todos os que nos quedan para nós porque temos 10 finais e temos que gañar as 10. É o noso nivel de autoexixencia como toda a temporada e agora máis, porque estamos no tramo definitivo. Achégase abril e maio que é onde se vai a decidir todo. Hai que seguir gañando. Gañamos o outro día e hai que gañar o domingo".

Na sesión desta mañá, última antes do choque e na que participou ademais o fabrilista Brais Val, o corpo técnico dispuxo dun quecemento, un exercicio de roldo con presión após perda, un partido a tres cuartas partes do campo 2 e unha tarefa de finalizacións.

Na primeira volta, coincidindo coa 1ª xornada de liga, o Dépor superou en ABANCA-RIAZOR ao RC Celta B (5-0).

Precisamente en canto ao rival, o club céltico confirma a través das súas redes sociais que existe unha gran demanda da súa afección para asistir ao partido nunha fin de semana ademais que non hai fútbol en Primeira División debido ao parón de seleccións.

O conxunto que prepara Onésimo caeu á 5ª praza, con 47 puntos, os mesmos que o CF Rayo Majadahonda, 6º, despois de encadear dúas derrotas consecutivas nos dous últimos partidos: 0-2 ante o CD Tudelano e 1-0 a fin de semana pasada en Zamora nun partido no que os vigueses fallaron dous penaltis.

No seu campo, ben en Barreiro ou en ABANCA-Balaídos, o filial céltico no que vai de temporada gañou 8 partidos, empatou 2 e perdeu 4; cun total de 24 goles a favor e 14 en contra.

En rolda de prensa, Onésimo comenta que o partido "é unha moi boa oportunidade, nun gran escenario, coa nosa xente. O equipo adestrou ben durante toda a semana. Estamos nunha boa posición na táboa. Danse moitos acicates para estar convencidos, ilusionados e para pensar que é unha boa oportunidade ante un gran rival, que vai ser complicado. Estamos preparados para competilo".

Subliña respecto ao escenario do choque, ABANCA-Balaídos, que "traballamos con xente que para min xa é profesional, xa é competitiva e que queremos que chegue a este tipo de escenarios. Xa xogamos ante moita xente. Imos ter un gran escenario e con moita xente a favor".

É consciente do nivel do Deportivo, "do nivel do seu xogadores pero nós queremos que se xogue ao que nós propomos. Se somos un equipo valente, atrevido, bo coa pelota, moi bo sen ela, apertando ben... pero sendo protagonistas. Queremos levar o manexo, con moitas chegadas, xogando o máis lonxe posible da nosa portería. Se xogamos ao que nós adestramos, ao que sabemos, imos ter moitas opcións".