RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

As Nosas souberon sufrir para alcanzar unha merecida final (1-1)

Con todo por decidir no pase á final do playoff chegaron a Abegondo o Dépor ABANCA e o Cacereño após a igualada a 0 no partido de ida. Coas sensacións dese choque en Cáceres hai unha semana, Irene Ferreras apostou pola continuidade e por repetir o once inicial elixido en terras estremeñas.

A primeira parte o Dépor gañouna aos puntos desde o asubío inicial. Aos 30 segundos, Ainhoa Marín conduciu cara á área para servir ao punto de penalti e ceder á chegada de Laura, pero a defensa adiantouse. 3 minutos despois foi Paula a que colgou o balón de falta directa para que a propia Laura rematase de cabeza, alto.

A primeira aproximación visitante chegou no 7 cun tiro desviado de Ayaka Noguchi co exterior da perna dereita. Xunto cunha falta directa de Santibáñez no minuto 24, foron os dous únicos argumentos verdes no primeiro tempo.

O resto tivo total acento deportivista. No 23, xogada similar á inicial con galopada de Ainhoa Marín que nesta ocasión optou polo centro chute ao pisar área, paseándose o balón a un metro da liña de gol sin que nin defensa nin Millene ou Eva Dios, que estaban pola zona, puidesen tocar o esférico.

Após a oportunidade de Santibáñez, Ainhoa pola dereita tampouco atopou rematadora en dúas ocasións idénticas consecutivas, a segunda co seu centro raso paseándose por diante da liña de gol. Á saída do córner case anota Laura con perna dereita.

Camiño da media hora, unha recuperación de Millene na frontal da área serviulle para unha dobre acomodación coa zurda antes de pegarlle da raia preto do recanto. Dous minutos despois, outro centro de Ainhoa desde a dereita volveuse a pasear pola liña de gol até caer no peito de Millene e de aí á bota de Eva Dios que rematou desviado.

Cun man a man de Laura a pase de Eva Dios que gañou Tatiana Fernández abaixo púxose punto final a un primeiro tempo no que o Dépor ABANCA, por fútbol e ocasións, mereceu máis.

Seguiron tentándoo As Nosas após a continuación, no 48 cunha dobre ocasión: centro de Ainhoa mal despexado que se lle queda a Laura no punto de penalti; e en segunda xogada en centro ao pau libre de Paula que Millene falla a porta baleira.

Após un tiro da raia de Edna Imade que, en dous tempos, primeiro coas pernas, resolveu Yohana, o partido cambiou de cara grazas aos goles.

No 58 unha xogada de toda a fronte de ataque do Dépor Abanca acabou caendo desde a esquerda, posta por Ainhoa ao punto de penalti para que Cris levantase a cabeza e adiantase ao Dépor ABANCA no marcador pondo moi de cara a eliminatoria.

Unha alegría desbordada en Abegondo que se relaxou catro minutos despois cando á saída dun córner Edna Imade puxo de novo as táboas no marcador ao rematar de cabeza un saque de esquina, xogadas que coa súa envergadura e presenza no campo empezaban a ter máis perigo do habitual.

No 65 Ainhoa recibiu de Paula para driblar á porteira e servir para a chegada de Millene na frontal, que se tropeza no intento de caneo para ter un remate máis claro. Catro despois un centro pasado de Charle obrigou á estirada de Tatiana. A propia Charle recibiu un pase en profundidade, recortou ben no pico da área e rematou lixeiramente alto.

A falta de quince para o final cambiou o guion do partido até ese momento con varias chegadas moi perigosas das cacereñas. Yohana fixo a parada da temporada após un remate de cabeza debaixo de Manoly Baquerizo que esixiu o máximo da gardameta branquiazul.

O Dépor ABANCA dispuxo de varias chegadas consecutivas a dez para o final, como o remate desviado de Inés á saída dun córner, cunha boa ocasión que o provocou.

Aínda que a historia do partido e da eliminatoria puido cambiar no 94 cando Yohana meteu a punta dos dedos e o traveseiro rematou o traballo que evitou o gol que sería definitivo para o Cacereño.

A pesar do cansazo a prórroga volveu ser Deportivista. Yohana só tivo que intervir no minuto 7 cunha parada en dous tempos. A pesar diso houbo que sufrir até o final porque Ainhoa na última xogada do primeiro tempo non puido dar a puntilla após regatear a Tatiana pero enviala alta. Tamén se puido acabar antes co tiro de Carlota Sánchez, recentemente ingresada no terreo de xogo, que rematou con rosca lixeiramente desviado coa dereita. Charle tampouco atopou portería a catro dun sufrido, traballado e merecido, durante 120 minutos, final de partido.

Agora espera o Granada CF que gañou 0-3 en Tajonar a Osasuna e certificou o 2-0 da ida. Como nesa eliminatoria, xogarase primeiro en terras nazarís e despois na Coruña para pór nome e apelidos a un novo equipo de LigaF.

Dépor ABANCA: Yohana, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Samara, Paula Gutiérrez (Carlota Sánchez, min. 105), Henar, Ainhoa Marín (Patri López, min. 118), Laura Fernández (Carlota Fernández, min. 90+1), Eva Dios (Charle, min. 46) e Millene (Letti, min. 95).

CP Cacereño: Tatiana Fernández, Hitomi Tanaka (María Corbacho, min. 91), Ayaka Noguchi, Angie Castañeda, Nerea Sánchez (Manoly Baquerizo, min. 55), Jenna Holtz (Midori Yoshimura, min. 46), Sonya Keefe, Bárbara Santibáñez (Edna Imade, min. 46), Sara Rubio, Carmen Acedo (Elsa Guerra, min. 80) e Mireia Masegur.

Goles: 1-0 Cris Martínez (min. 58); 1-1 Edna Imade (min. 60)

Árbitra: Trujillano Gallardo (c. andaluz). Amoestou a Eva Dios (min. 22), Santibáñez (min. 40), Midori Yoshimura (min. 51), Hitomi Tanaka (min. 77), Inés Altamira (min. 105) e Santibáñez (dobre cartón no banco, min. 114)

Incidencias: partido de volta da semifinal do Playoff de ascenso a LigaF, disputado na Cidade Deportiva de Abegondo. Cheo.