RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Caranza acollerá un DéporCampus Cabreiroá, do 2 ao 6 de xullo, por cuarto verán consecutivo

Caranza organizará novamente un dos DéporCampus Cabreiroá, grazas á colaboración entre o RC Deportivo, o SCDR Galicia Caranza e o concello de Ferrol.

O barrio ferrolán repite experiencia nos DéporCampus Cabreiroá por cuarto verán consecutivo, despois da súa estrea en 2015. Ademais, Caranza tamén acolleu con anterioridade un dos DéporCampus de nadal.

Á presentación do DéporCampus Cabreiroá 2018 de Caranza asistiron Kike Soto (presidente do Galicia Caranza), Suso Basterrechea (concelleiro de deportes de Ferrol) e David Páez (coordinador do Galicia Caranza). En representación do RC Deportivo acudiu ao acto Pablo Barros, director dos DéporCampus.

Caranza será unha das sedes deste DéporCampus Cabreiroá 2018 cunha quenda, do 2 ao 6 de xullo. O Campo de Fútbol Municipal de Caranza será o escenario deste DéporCampus Cabreiroá, cuxas inscricións están abertas a nenas e nenos de entre 6 e 14 anos e poderán realizarse até o mediodía do xoves 28 de xuño.

Os DéporCampus Cabreiroá creceron de forma exponencial desde a chegada do actual consello de administración do RC Deportivo. Dun campus cunha única sede e menos dun centenar de nenos e nenas en 2013 pasáronse ás actuais 14 localizacións. Este verán estréanse 5 sedes: Ourense, Cuntis, Dumbría, Boiro e Camargo (Cantabria), que se suman ás xa existentes en Abegondo, Viveiro, Bertamiráns, Caranza, Monforte, As Pontes, Ordes, Zas e Xenebra (Suíza).

Podes atopar toda a información dos DéporCampus Cabreiroá en deporcampus.rcdeportivo.es/gl