RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Carmen Carballada, deportivista até 2027

Carmen Carballada Rodríguez (Monforte de Lemos, Lugo, 21 de xullo de 2005) asinou a súa renovación co Deportivo ABANCA por tres campañas, até xuño de 2027, con licenza do equipo B pero en dinámica do primeiro cadro, nunha mostra máis do compromiso e da confianza do Club en #ANOSACANTEIRA.

Carmen debutou co primeiro equipo o 13 de setembro de 2023, en partido da primeira eliminatoria da Copa de la Reina fronte ao Balears FC. Tamén esta temporada tivo a oportunidade de saltar ao campo nun partido de Primera Federación Iberdrola, en campo do Madrid CFF B, o 13 de xaneiro de 2024. Son, a día de hoxe, as súas 2 aparicións oficiais co Dépor ABANCA.

Internacional sub-19 en fútbol sala cando tiña soamente 15 anos e xogaba no Ourense Envialia FSF, incorporouse ao Deportivo ABANCA B na temporada 2021-22, procedente do primeiro equipo do Orzán SD. Na súa primeira campaña en Abegondo disputou 18 partidos, 17 deles no once inicial, e anotou 2 goles.

Na campaña 2022-23 foi titular no filial en 26 partidos, saíu desde o banco noutros 2 e marcou 3 goles. Aínda que foi convocada en numerosas ocasións por Irene Ferreras, non debutou oficialmente co Dépor ABANCA.

No exercicio recentemente concluído, Carmen disputou os 2 encontros co primeiro equipo anteriormente mencionados, mentres que co B xogou 24 partidos (22 como titular) e anotou 4 tantos.

Así pois, Carmen suma 70 encontros e 9 goles co Dépor ABANCA B.

A renovación de Carmen Carballada únese a outras xa confirmadas como Paula Gutiérrez, Cris Martínez, Samara, Yohana, Raquel García e Paula Monteagudo, todas elas até xuño de 2026.

/* Bot imbee */