RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Comezan os traballos de cambio de céspede en ABANCA-RIAZOR da man de Calfensa

Após a celebración do Morriña Fest e a recollida de todos os elementos montados sobre o terreo de xogo, onte deron comezo os traballos de renovación da cuberta vexetal do terreo de xogo do Estadio ABANCA-RIAZOR. Calfensa é, un ano máis, a empresa encargada de realizar este traballo nas instalacións do RC Deportivo.

Os traballos continuarán ao longo da semana e concluirán a próxima coa colocación do novo céspede mediante tepe.

Estes traballos consistirán en:

- Eliminación do céspede actual así como os primeiros centímetros de rootzone grazas ao uso da máquina Koro Field Topmaker equipada co rotor Terraplane.
- Laboreo do chan mediante dobre pase de rotovator.
- Primeira nivelación mediante refinadora láser.
- Achega de emendas orgánicas e inorganicas, ademais de area nas cantidades necesarias segundo as análises de chan, mellorando desta forma a capa de enraizamento.
- Laboreo secundario para conseguir a incorporación dos produtos achegados e a homoxeneización da nova rootzone.
- Compactación até o nivel adecuado.
- Nivelación definitiva mediante refinadora láser dobre control.
- Colocación do novo céspede mediante tepe. Será en rolos tamaño maxi de 12 m de longo, 1,20 m de ancho e 3,5 cm de grosor. O céspede está formado por unha mestura de Lolium perenne e Poa pratense.

Unha vez concluído este proceso, deberán pasar varias semanas para conseguir que o céspede quede en condicións óptimas.

A compañía galega Calfensa é a encargada de todas estas actuacións no Estadio e na Cidade Deportiva, así como do mantemento da instalación principal do RC Deportivo grazas ao acordo existente para ofrecer servizo de primeiro nivel axustado ás actuais necesidades do Club.