RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Cris Martínez: O Dépor é o club do meu corazón, entón (a renovación) foi fácil

Cris Martínez compareceu este mediodía na sala de prensa de Abegondo após confirmarse a súa ampliación de contrato até xuño de 2026.

A capitá do Dépor ABANCA afirmou que a súa renovación "era algo que tanto o club como eu queriamos, así que estou moi contenta de seguir no Dépor". "O Club fíxomo saber desde o principio. Levo aquí moito tempo, sempre apostei polo Dépor e recoñecéronmo desa maneira", engadiu.

Insiste en que o Dépor "sempre me mostrou o seu interese porque eu continúe. Levo moito tempo aquí. Este é o club do meu corazón, entón foi fácil".

A defensora astorgana admite que o ascenso á liga F "tardou máis do esperado, pero é complicado. Ningún equipo poncho fácil. Estes dous últimos anos fixéronse as cousas ben. O ano pasado quedamos ás portas e este ano deuse porque o fixemos mellor".

Despois de vivir a Primera División na anterior etapa, advirte que "a medida que van pasando os anos cada vez é máis complicado. Seguro que xa non é a Primera na que estivemos. Enfróntasche a equipos moito máis preparados, entón temos que dar un salto nese sentido".

Cris Martínez pensa que o Dépor "desde que creou o equipo feminino fixo unha aposta importante. É un exemplo para outros moitos equipos. Este ano hai que apostar forte porque queremos vir para quedarnos e ten que ser así".

Finalmente, a nivel persoal, confesou que este ano "foi moi bonito para min, tamén especial por conseguir os 200 partidos co Dépor, por conseguir o ascenso e encima desta maneira, que o Club nolo fixo gozar dunha maneira especial".