RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS4 out 2023

Dani Barcia: Xogar en ABANCA-RIAZOR é o que todos os nenos soñan

Dani Barcia, o canteirán que debutou o pasado domingo en liga en Fuenlabrada co Deportivo despois de 13 temporadas en #ANOSACANTEIRA, foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

Ante a posibilidade de xogar agora en casa, ante #ANOSAFORZA, este domingo 8 de outubro fronte á Celta Fortuna (19:00, FEF TV), apunta que "xogar en ABANCA-RIAZOR é o que todos os nenos soñan, e máis sendo da Coruña e desde pequeno indo a todos os días a ver ao Deportivo. É inexplicable, pero teño que chegar ao finde, facer o que poida e se me toca xogar, xogar; e se non, animar. O que temos que facer é estar todos xuntos, unidos e sacar o partido adiante".

Lembra que leva "moitos anos traballando nisto e co paso do tempo acabou chegando. Agora teño que traballar aínda máis para que se poida seguir prolongando".

Admite que "no Deportivo sempre vai haber os mellores xogadores e a competencia no equipo é moi boa porque cada compañeiro fai mellor ao resto. Ao principio non tiven moitas oportunidades, pero teño que seguir traballando, buscar o que poida e cando toque, facelo o mellor posible".

Cualifica o feito de vestir a camiseta do primeiro equipo como "un orgullo. Levo aquí xa 13 temporadas, é o equipo da túa cidade e poder xogar cos que sempre soñaches é un orgullo. Agradézolle a todo o mundo do club e ao corpo técnico que me desen a oportunidade e a seguir traballando para poder dar máis".

Desvela Dani despois do pasado domingo "moitas felicitacións de amigos, familia... Teño que agradecerlle a todos e sobre todo á miña familia, que é a que está día a día comigo".

Lateral no Estadio Fernando Torres a raiz da lesión de Mikel Balenziaga, pensa que "teño que xogar onde me pida o míster e achegar ao equipo o que poida sexa onde sexa. Podo xogar como lateral, central e mesmo se me pon noutra posición facelo o mellor posible e axudar en todo o que poida".

A pesar da alegría polo debut, o resultado non acompañou ante o CF Fuenlabrada cun cruel desenlace do encontro: "Tivemos fases onde non fomos do todo precisos. Faltounos xestionar mellor os últimos minutos, temos que melloralo. Facelo o mellor posible nos próximos partidos e que non volva pasar isto".