RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Dura sesión física vespertina para pechar o comezo da semana grande

Baixo unha intensa calor a pesar da hora (sete da tarde), o Dépor volveu ao traballo por segunda vez hoxe luns en Abegondo.

Borja Jiménez subiu as pulsacións ao seu cadro cun circuíto de forza e cunha tarefa, tamén física, de cambios de dirección supervisada polos preparadores físicos Luis Fandiño e Sergio Roca. Os futbolistas branquiazuis tiveron sobre o céspede algo máis dunha hora de intenso traballo.

Antoñito e Borja Granero adestráronse á marxe pola tarde de acordo cos Servizos Médicos para dosificar as cargas de traballo.

Ademais, estiveron hoxe luns con traballo individualizado Héctor Hernández; Roberto Olabe; Ibai Gómez, con molestias nos isquiotibiais; e Raúl Carnero, con molestias na coxa dereita pendentes de evolución nos próximos días. Todos eles coordinados polo readaptador Álex Canosa.

Do mesmo xeito que na sesión matinal, Yeremay, Mella, Jairo e Dani Barcia foron os representantes de #ANOSACANTEIRA. Rubén Díez, con permiso, non estivo hoxe en Abegondo.

Mañá martes 9 de agosto, o Dépor adestrarase de novo na Cidade Deportiva a partir das 10:30 horas.

Sesión matinal no primeiro día da semana grande

O Deportivo arrancou esta mañá a semana grande desta pretemporada que concluirá o sábado 13 de agosto en ABANCA-RIAZOR ás 20:30 horas con motivo da LXXVII edición do Trofeo Teresa Herrera ante o FC Metalist Kharkiv de Ucraína. Será a quinta cita da Dépor Xira Integral Motion 2022 e único partido na Coruña do verán antes de arrancar a liga en Primera Federación o 27 ou 28 de agosto.

Após unha activación e un roldo con desprazamento, o corpo técnico branquiazul dispuxo un exercicio de finalizacións, unha tarefa de conservación de balón e fútbol en espazo reducido para concluír, de alta intensidade.

Solidariedade con Ucraína no Teresa Herrera

Coa visita do FC Metalist Kharkiv, o decano mundial dos trofeos amigables regresa ás súas orixes, xa que naceu fai máis de tres cuartos de século como un torneo solidario e en homenaxe a Teresa Herrera, gran benefactora da cidade da Coruña.

Neste caso, o carácter solidario vén da man da participación do equipo ucraíno dunha das cidades máis castigadas pola guerra en Ucraína: Kharkiv. Por iso, a través dunha Fila 0, todos os Deportivistas, Coruñeses e afeccionados ao fútbol en xeral, poderán colaborar facendo a súa achega a través de AGA (Asociación Galega de Axuda a Ucraína).

A súa presidenta, Natalia Afonina, coordinou co FC Metalist Kharkiv como se fará chegar esa axuda económica desde A Coruña, tanto ás familias dos veteranos do equipo afectadas pola guerra como ás decenas de familias que viven refuxiadas no Estadio do equipo ucraíno, polo momento, un dos lugares seguros da cidade. Após estas xestións para organizar o Teresa Herrera, AGA xa enviou un trailer de axuda ao Metalist e a Kharkiv para iniciar a colaboración que se completará coas achegas solidarias na Fila 0 AGA Ucraína: ABANCA ES7320800000723040270691.