RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Esixente test para o Fabril mañá en Zamora ante outro dos aspirantes ao ascenso

O Fabril sométese mañá domingo (17:30) no Estadio Ruta de la Plata a outro esixente test, esta vez ante o Zamora CF, un do tres aspirantes, co Ourense CF e Pontevedra CF, ao ascenso a Primera Federación.

O filial, que chega a este choque correspondente á 24ª xornada após caer (1-3) a pasada fin de semana en Abegondo ante o Ourense CF (1-3), é 13º na táboa con 27 puntos. 

"Sempre tivemos claro e seguimos tendo que o proceso é moito máis importante que o obxectivo final, pero o obxectivo final a nivel competitivo segue sendo o que temos ao alcance da man. Entón temos que traballar e creo que traballar nesas circunstancias de clasificación para os mozos é bo", lembrou onte Óscar Gilsanz en rolda de prensa.

É baixa Martín Ochoa, cunha lesión muscular nos isquiotibiais. O técnico fabrilista lembra que "está a pasar por ese momento normal despois de recuperarse dunha lesión na que a carga de adestramento pásalle un pouco de factura". 

Así pois, este contratempo para o dianteiro rioxano considérao "normal despois dun tempo sen competir, sen adestrar. Despois de pasar polo quirófano sempre a volta xorden este tipo de problemillas".

A outra baixa segura tamén é na dianteira, posto que Kevin Sánchez está sancionado cun partido pola súa expulsión do pasado domingo en Abegondo.

Óscar Gilsanz confesa que "pouco despois de acabar o partido xa sabía onde estivera o erro ou onde estivera a circunstancia que lle vai a servir de aprendizaxe para próximas ocasións, para a súa carreira deportiva. Non fixo falta que eu lle dese ningún tirón de orellas porque el mesmo xa se deu conta no momento".

Admite que "si o falamos loxicamente para tratar de que non volva ocorrer. Máis que nada, aínda que non adoita pasar, pero para que vaia collendo experiencia ao que non lle ocorreu o outro día. Gústame que tratemos sempre de competir nas mellores condicións, de pensar só no partido e esas cousas vanlle a servir para o futuro". 

O preparador da Fabril baralla entre os seus substitutos a Jorge e a Mati Castillo (na foto da noticia): "Jorge chegou en xaneiro e está nun proceso de traballo moi bo para recuperar o seu nivel. E Mati é certo que estas últimas xornadas participou menos. Na primeira volta tivo moito maior protagonismo tanto de punta como tirado a unha banda. Veremos a ver no propio adestramento de mañá (por hoxe) para tomar unha decisión. E por aí poderán ir os tiros".

Na primeira volta o pasado 22 de outubro houbo empate sen goles (0-0) na Cidade Deportiva.

Pola súa banda, o Zamora CF, reforzado após o seu triunfo a pasada fin de semana en Pasarón ante o Pontevedra CF (1-3), é 3º na táboa con 49 puntos, os mesmos que o Pontevedra CF (2º); e a 1 punto do Ourense CF, líder con 50 puntos.

No seu estadio Ruta de la Plata esta temporada o Zamora CF gañou ao CD Cayón (1-0), CD Guijuelo (1-0), Coruxo FC (2-0), Real Oviedo Vetusta (3-0), Real Avilés Industrial (1-0), Rayo Cantabria (1-0), CD Covadonga (2-0) e SD Compostela (2-1); empatou co Marino de Luanco (0-0), UP Langreo (1-1) e Ourense CF (0-0); e perdeu co Pontevedra CF (0-4).

O seu técnico, David Movilla, asegura que "nos afastamos da euforia, do mesmo xeito que nos afastamos do drama. O termo medio é o que mediáticamente menos vende. Estamos moi estables. Un equipo de alto rendemento ha de estar estable independentemente de resultados ou de circunstancias externas que se dean nunha temporada".

Pensa que o Fabril "é un filial dun equipo top do fútbol español, cunha canteira top que cada ano sempre emerxeron xogadores. Falar dun Deportivo en Primera RFEF non está atendiedo ao verdadeiro potencial do Club, da súa afección, da súa historia. É un Club de Primera División. De feito cando ascenda, que espero que sexa este ano, en Segunda División vai ser un equipo que aspire ao máximo. É unha canteira inesgotable, Abegondo leva moitos anos funcionando ben e no filial hai varios futbolistas en dinámica do primeiro equipo con minutos, con goles e cun potencial enorme. Ten unha capacidade para xogar de maneira asociativa, para contraatacar... Por exemplo Jairo é un dos 3 mellores xogadores da categoría. E hai varios, Kevin, Martín Ochoa, Brais, Marotías... Teñen moita calidade e imos tentar que se vexa unha versión ofensiva do rival non acorde ao seu potencial".

 

 

 

/* Bot imbee */