RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Estrella Galicia únese á iniciativa Deportivista popular de tinguir a cidade de azul regalando 25.000 camisetas en ABANCA-RIAZOR

Estrella Galicia únese, coa colaboración do RC Deportivo, á iniciativa Deportivista popular de tinguir a cidade e o Estadio de azul para a semifinal do playoff de ascenso a LaLiga.

Para iso, o patrocinador principal do Dépor regalará 25.000 camisetas aos 25.000 primeiros Deportivistas que accedan a ABANCA-RIAZOR o domingo para que a marea azul, que percorrerá o centro da Coruña e os arredores do Estadio na previa do partido, continue presente durante o quecemento e os 90 minutos de xogo.

As camisetas repartiranse nos puntos interiores de acceso (vomitorios e corredores) das oito bancadas de ABANCA-RIAZOR ás persoas asistentes por orde de chegada. As elásticas, integramente azuis, recollen o lema co que Estrella Galicia quere mostrar unha vez máis o seu apoio decidido ao Dépor nestes decisivos momentos nos que se xoga o ascenso a Segunda División. Co lema “Érguete e Forza Dépor!”, a cervexeira coruñesa quere sumar un activo máis no esforzo colectivo cara ao desexado ascenso e mostrar así a súa vinculación co conxunto e a afección branquiazul.

Ademais, desde o luns, paradas de buses e outros soportes publicitarios locen unha campaña que se completa coa saída ao mercado de preto de 1 millón de botellas de Estrella Galicia vestidas coas cores do Dépor e as imaxes dalgúns dos xogadores máis emblemáticos, dispoñibles xa nos establecementos de hostalaría da cidade. Para completar a edición especial, incorporouse un código QR no collarín para acceder a unha landing page na que se sortearán abonos dobres para gozar do Deportivo na temporada 2023/2024.

Estrella Galicia e o Dépor están vinculadas á historia da cidade desde 1906, ano no que coincide a fundación de ambas as entidades na Coruña. Na actualidade, a cervexeira galega é un dos principais patrocinadores do club e desenvolve unha ampla variedade de iniciativas en apoio do equipo e dos seus afeccionados.

Por todo iso, Estrella Galicia súmase á ilusión de toda a afección Deportivista para animar ao equipo no seu soño de ascender a Segunda División e o visibiliza nesta ocasión a través do lanzamento desta edición especial de botellas, da súa campaña vinculada e agora, axudando ao Deportivismo a tinguir A Coruña e ABANCA-RIAZOR de azul.