RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Habitual sesión post-partido en Abegondo, con Lucas e Quiles no campo

O Deportivo realizou esta mañá a habitual sesión post-partido na Cidade Deportiva, con tarefas de recuperación para os titulares onte en Linares (carreira continua, estiramentos e fisioterapia) e alta intensidade para o resto do cadro, incluídos Lucas e Quiles; ademais dos canteiráns Dani Barcia e Diego Gómez.

Os dous dianteiros, coas súas máscaras de protección, realizaron todas as tarefas salvo o caso de Quiles, que por precaución non disputou a serie de partidos en espazo reducido.

Un quecemento con roldo e un exercicio de finalizacións completaron a xornada entre os campos 2 e 3 da instalación branquiazul.

Onte en Linares, Óscar Cano subliñou ante os medios de comunicación que o seu obxectivo inmediato é "tratar de levantar ese vestiario, facer dous bos últimos partidos e afrontar da mellor maneira posible o playoff".

O adestrador branquiazul lembra que "o sábado temos outro partido importante. Imos tratar de certificar o playoff e a ver se podemos quedar da mellor maneira posible para poder afrontalo".

Mañá martes hai xornada de descanso para Os Nosos. O Dépor adestrarase de novo o mércores 17 de maio ás 10:30 en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada.

A próxima cita no grupo 1º de Primera Federación será o vindeiro sábado 20 de maio ás 19:30 en ABANCA-RIAZOR ante o Algeciras CF, con motivo da 37ª e penúltima xornada.