RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: "Temos moitas ganas todos aquí dentro de dar unha alegría á nosa afección"

Imanol Idiakez asegurou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que o vestiario deportivista ten "moitas ganas de dar unha alegría á nosa afección".

"Estamos con moitas ganas de gañar en ABANCA-RIAZOR, desde a xornada 1. O domingo que mellor oportunidade que contra o líder, contra un equipo que nos vai a esixir unha boa versión. Moitas ganas todos aquí dentro de dar unha alegría á nosa afección", comentou o técnico branquiazul.

Preguntado sobre as ausencias no adestramento de hoxe, afirmou que "Salva Sevilla quedou fóra por precaución. Tivo unha pequena molestia onte. El quería adestrar, pero ao final cos médicos decidimos non correr ningún risco. En principio non creo que haxa algún problema. Jaime é máis dúbida, pero imos esperar a mañá".

Sobre a evolución de Yeremay Hernández, Idiakez quixo deixar claro que non pode falar de ningún prazo de regreso porque "é unha lesión que a partir de que o óso estea en prazo de consolidarse xa depende da confianza e as sensacións do xogador. Pero máis ou menos estamos nos prazos dunha fisura de peroné".

Do fútbol despregado nas dúas últimas xornadas, nas que o Dépor sumou 4 de 6 puntos lonxe de ABANCA-RIAZOR, opina que "vimos de facer dous partidos de competir fóra de casa, con circunstancias adversas ambos. Un en inferioridade e outro no que o campo, en Sabadell, non permitía levar o xogo ao que queriamos".

A llejada de Joaquín Sorribas como novo responsable da área conductual e motivacional do RC Deportivo tamén foi motivo de pregunta dos medios de comunicación na rolda de prensa. Respecto diso, Idiakez lembrou que "xa comentamos desde hai semanas que o Club ten unha idea clara de progresar en todas as áreas. Era unha cousa que estaba na nosa cabeza, estabamos na procura, detrás dos mellores profesionais. Moi contentos con Joaquín. Queremos construír un Dépor que consiga chegar onde queremos e que sexa o suficientemente estable como para manterse alí".

Preferiu absterse de facer declaracións sobre as arbitraxes, porque "sobre as cousas que non podo intervir, non me quero desgastar. Os árbitros teñen un labor moi difícil e recoñecemos que non tivemos sorte até agora, pero seguro que a sorte vai cambiar porque aquí non hai ningunha conspiración".

O rival do domingo é o Gimnàstic de Tarragona, o líder do grupo 1 de Primera Federación con 18 puntos en 9 xornadas, que é "un equipo moi ben construído, desde a idea de progresar co balón. Con dous mediocentros moi preto da saída da pelota, dous laterais con moi bo pé. Xente por fóra con desborde, con calidade. E dous puntas que son unha ameaza para a última liña. Aínda que como todos os equipos ten os seus puntos débiles".

Retu, titular por primeira vez en liga en dúas temporadas o pasado sábado en Sabadell, "está co golpe aínda, está a ir de menos a máis esta semana. En principio se está ben mañá, o normal é que poida aliñalo o domingo".

Por último, falou sobre o cambio de plans para o adestramento deste sábado, de novo en Abegondo en lugar de, como é habitual o día previo ao partido, o Estadio ABANCA-RIAZOR. "Decidimos mañá non ir para coidalo un pouco máis. Teño a ilusión de que o domingo estea mellor. Sei que están a traballar, que o Club está a facer todo o posible, e oxalá o domingo teñamos un bo campo e sobre todo unha boa vitoria", concluíu.