RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras: "Xa deixamos atrás todo o que puido ser e non foi; e estamos ilusionados co que podemos facer o domingo"

Irene Ferreras asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que de cara ao partido de ida de semifinais do playoff de ascenso este domingo 21 de maio en Cáceres (12:00 horas), "o Dépor ABANCA está con moitísimas ganas, está moi preparado, estamos a vivilo cada día con máis ilusión, xa deixamos atrás todo o que puido ser e non foi, e estamos ilusionados co que podemos facer o domingo".

Ve ao seu equipo "mentalizado. Imos vivir esta experiencia con moita confianza. O quedarnos até o último minuto do último partido da liga con opcións reais de estar en Primeira División tennos que reforzar e tennos que dar un pouco a mensaxe de que ao final somos o equipo que demostrou estar máis preparado, que foi máis regular e temos que afrontar o playoff con esa confianza".

Advertiu que "estes partidos se teñen que ver practicamente coma se fosen outro deporte. Xa son 180 minutos, entra en xogo o factor campo, atópasche nun contexto onde os dous equipos teñen o mesmo obxectivo, que é verdade que ao longo da temporada, sobre todo no último tramo, enfrontabámonos a equipos que se cadra tiñan obxectivos diferentes a nós no partido. E iso ponche un peso sobre o partido e un protagonismo que tes que levar que ás veces pesa".

Por contra, agora, engade a adestradora deportivista, "enfróntasche de ti a ti contra un equipo que non se nos deu ben na liga, pero que tampouco vén na súa mellor dinámica. Entrou en playoff no último momento. E sinceramente, xa unha vez tiñamos que xogar o playoff, temos a mentalidade de que hai que gañar ao que sexa, ao que che toque".

No campo Manuel Sánchez Delgado de Cáceres indica que "non imos facer ningunha cousa estraña ao que vimos facendo. O que si que creo é que hai que saber identificar en que situacións sufrimos máis, por que se deron as cousas como se deron, por exemplo nestes dous partidos contra Cacereño en liga que sucedeu alí e que sucedeu aquí. Son dúas lecturas totalmente diferentes e no fútbol moitas veces é cuestión de matices. Un, dous, tres ou catro matices nun partido pódenche cambiar por completo a sensación real do que sucedeu. Podo falar de 1.000 partidos que tivemos momentos complicados, que polo que sexa soubemos sufrir, acertamos, gañamos e non lle demos esa relevancia de que pareza que o rival foi moito mellor. O Cacereño alí tivo moita efectividade. Nós non soubemos adaptarnos ao que pedía o partido, pero desde aí aprendemos moitísimo. Na volta foi un partido moito máis igualado, onde tivemos os nosos momentos. Recordo que o primeiro gol foi un reinicio rápido, píllanos desconcentradas, non estamos atentas, fannos o gol e xa esa sensación de ir en contra non soubemos xestionala ben".

Insiste que "o equipo creceu en moitas facetas. Non imos a desnaturalizar nada. Somos o equipo que somos, non se trata de cambiar nada en 3 días porque non teño nin esa capacidade nin esa influencia, pero si que o equipo entenda en que zonas do campo facer certas cousas e onde queremos estar a xogar o partido. A partir de aí se somos capaces de levalo ao que nos interesa, estou convencida de que teremos moitas máis opcións".

Por outra banda, o feito de que a volta sexa en Abegondo "para nós é moi importante. Demostrouse durante a temporada que aquí somos máis solventes e, sobre todo que nos permite xogar doutra maneira, por dimensións do campo, por superficie, por sobre todo o apoio de #ANOSAFORZA, por como conectamos con esa enerxía e esa confianza aquí".

No entanto, pensa que tamén o Dépor ABANCA "creceu moito xogando fóra de casa. É verdade que non se gañou sempre, pero os últimos partidos que xogamos fóra competíronse moi ben e son partidos que perfectamente nos poden servir nun playoff: sendo sólidas, non concedendo ocasións de gol... Se estamos acertados de cara a porta porque son partidos un pouco máis pechados, onde non xeras tantas ocasións, benvido sexa, pero sen esa ansiedade de ter que poñerche por diante, de ter que facer gol rápido..."

Alerta que estes partidos que se aveciñan polo ascenso "teñen que ser longos, hai que saber xestionar todo o que vai pasando, xestionar sobre todo momentos despois de goles, que non che fagan dano ou poder facer dano se tes momentos anímicos onde podes aproveitar esa situación".

Irene Ferreras confesou pensar "nisto desde hai moitos meses. Entón moitas das cousas que fixemos meses atrás eran pensando neste momento. Toda esa capacidade competitiva que creo que o equipo gañou fóra de casa, o entender que tocaba en cada momento. Nós identificámonos por unha maneira de xogar, pero para gañar cousas moitas veces tes que interpretar ben que toca, en que parte do campo, en que momento do partido... E esa é a parte máis complicada porque necesitas vivir experiencias, que che vaian pasando cousas e como sempre dixen, todas as cousas que nos han ir sucedendo nos han ir permitindo deixar unha pegada, unha aprendizaxe".

A técnica deportivista pensa que "che metas na historia que che metas de calquera equipo, no fútbol sempre o sentimos como un máster porque vanche sucedendo cousas e cada cousa que che sucede cámbiache como persoa, cámbiache como xogadora, cámbiache como adestradora. É a bagaxe que che vai dando isto. Esta temporada foi preciosa, moi competida, permitiunos ter ilusión por algo importante até o último minuto. Nós xa nos gañamos esta vía de ascenso, imos aproveitala. Sinto que todo o que vivimos fíxonos mellor equipo e desde aí imos afrontar o partido".