RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Medalla de prata para Elena Vázquez e a selección española sub-17 no Europeo de Estonia

Foto: - @SEFutbolFem -

Elena Vázquez representou a #ANOSACANTEIRA no campionato de Europa sub-17 que concluíu hoxe venres en Estonia.

España disputou a final no Lilleküla Stadium de Tallin ante Francia, que goleara (10-2) a Suíza na súa semifinal.

Despois dun trepidante encontro venceron as galas (2-3), con dobrete goleador de Vicky López para as españolas que meteu a España no partido nos minutos finais despois dun parcial de 0-3 para Francia na segunda metade. Elena Vázquez seguiu o choque desde o banco.

A defensora deportivista tivo como rivais na fase de grupos a Alemaña, Suíza e a anfitrioa Estonia; e o pasado martes 23 de maio o combinado nacional disputou a semifinal ante Inglaterra, á que derrotou (3-1) con goles de Vicky López, Ainoa Gómez e Paula Comendador. Elena Vázquez non tivo minutos de xogo.

España pechou a primeira fase o pasado sábado 20 ante Estonia (6-0) no Estadio Lilleküla de Tallin, xa co billete a semifinais no peto.

Elena Vázquez debutou no torneo como titular, xogou todo o encontro e ademais anotou no minuto 62 o cuarto gol de España, cunha cabezada á saída dun córner.

A segunda cita no torneo para a canteirá branquiazul e as súas compañeiras foi o pasado mércores 17 de maio ante Suíza, que debutara con triunfo (0-4) ante Estonia na 1ª xornada.

Gañaron as hispanas (3-0), resultado que clasificou xa ao equipo que prepara Kenio Gonzalo para a seguinte rolda. Elena Vázquez non saltou ao céspede.

O Europeo arrincou para a selección española o pasado domingo 14 de marzo no Estadio Kadriorg ante Alemaña, á que xa derrotara (4-0) na Cidade do Fútbol nun amigable o pasado 12 de xaneiro.

Xa en competición oficial, as españolas volveron vencer (0-2) con dobrete de Vicky López. Nesta ocasión, Elena Vázquez tamén seguiu o partido no banco.

Os resultados de España no torneo foron os seguintes:

Primeira Fase
Domingo 14 de maio
ALEMAÑA 0 - ESPAÑA 2

Mércores 17 de maio
ESPAÑA 3 - SUÍZA 0

Sábado 20 de maio
ESPAÑA 6 - ESTONIA 0

Martes 23 de maio
Semifinais
ESPAÑA 3 - INGLATERRA 1

Venres 26 de maio
ESPAÑA 2 - FRANCIA 3

Con 15 anos e con ficha do Orzán SD Cadete de Liga Galega, Elena Vázquez gañouse esta temporada unha praza de titular no Dépor ABANCA B, subcampión de Primeira Nacional, e xa debutou nun amigable co Dépor ABANCA de Primeira Federación Iberdrola.