RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA comeza mañá a "cambiar o ánimo para afrontar o que nos vén con garantías", como a visita do domingo ao Rayo Vallecano

O Dépor ABANCA pasa páxina e, tralo día de descanso de hoxe martes, céntrase desde mañá mércores na próxima cita en Primera Federación Iberdrola, o domingo 30 de abril ás 11:00 no campo 4 da Fundación Rayo Vallecano ante o equipo madrileño, correspondente á 28ª xornada.

Os resultados da fin de semana deixaron ás Nosas en 3ª posición da táboa con 46 puntos, os mesmos que o CDF Osasuna Femenino e que o SE AEM. Por diante marcha o SD Eibar (2º con 48 puntos), que agora mesmo ocuparía posto de ascenso directo; e o FC Barcelona B (líder con 55 puntos) que non pode ascender pola súa condición de filial.

Irene Ferreras confesou que a derrota do pasado domingo co Real Oviedo "dóenos moito polo momento da temporada que é; por ser en casa; por ser un partido que entendemos que tiñamos que sacar; e pola maneira, porque tiramos a primeira parte, custounos entrar no partido moitísimo, estivemos moi apáticas en defensa, xeráronnos ocasións en situacións controlables e os goles ponche todo moi en contra".

A adestradora deportivista, que anunciou que "lle daremos unha volta a nivel de xogo esta semana para ver que sucedeu", disporá de catro adestramentos matinais na Cidade Deportiva, con traballo previo de ximnasio e vídeo cada día ás 9:00, co obxectivo tamén de "cambiar a nivel emocional o ánimo para afrontar o que nos vén con garantías".

Nesta recta final, Irene Ferreras pide "manter a calma. Hoxe (polo domingo) seremos todos malísimos, equivocámonos, non demos unha pero todo hai que relativizalo. O fútbol sempre estás a unha acción de cambiar esa emocionalidade. Eu sigo crendo no meu equipo".

Promete batalla e "loita até o final porque fixemos unha boa temporada, levamos un bo percorrido como para empezar agora a ter dúbidas".

A planificación semanal, sempre susceptible de sufrir variación por razóns técnicas, é a seguinte:

Mércores 26 de abril
10:00 h.

Xoves 27 de abril
10:00 h.

Venres 28 de abril
10:00 h.

Sábado 29 de abril
9:30 h.

Domingo 30 de abril
11:00: Rayo Vallecano - Deportivo ABANCA na Ciudad Deportiva Fundación Rayo Vallecano