RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA queda a un gol do ascenso directo (0-0)

O Deportivo ABANCA quedou a un só gol de retornar á máxima categoría nacional, pois unha vitoria sería suficiente para as pupilas de Irene Ferreras trala derrota do CDF Osasuna Feminino en Cáceres e o empate da SD Eibar en Granada.

Deste xeito, o SD Eibar logra o ascenso directo a Liga F e as deportivistas deberán disputar a semifinal do playoff ante o CP Cacereño Femenino. No caso de superar esa eliminatoria deberían loitar polo ascenso na final ante o vencedor da outra eliminatoria, entre CDF Osasuna Femenino e Granada CF. Ambas as roldas dispútanse a dobre partido.

O Dépor ABANCA non foi capaz de ver porta na Ciudad del Fútbol de Pradoviejo. A cousa non empezou demasiado ben cando, aos 45 segundos, a marfileña Ida Guehai fíxose cun mal pase atrás da zaga coruñesa e no man a man con Yohana, con todo a favor, disparou fóra.

O primeiro achegamento do Dépor ABANCA, que controlou o xogo pero careceu de profundidade, chegou no minuto 13, por medio dun disparo afastado de Henar que se foi por riba do traveseiro. A mellor ocasión coruñesa chegou no minuto 17. E non foi unha soa ocasión, senón tres. Millene disparou de socato e a porteira despexou o coiro, que caeu a pés de Laura Fernández. O remate da '10' sacouno unha defensa baixo paus. Ainhoa Marín recolleu o rebote e volveu pasar o balón cara a Laura pero Belem interpúxose para despexar a córner.

Aos 20 minutos, a colombiana Marcela Restrepo disparou desde 20 metros. Yohana respondeu con seguridade. Aos 26, unha volea afastada de Laura Fernández após un despexe da zaga coruñesa rexeitouno Poza, reculando, co pé dereito. Á media hora, unha chegada de Ainhoa Marín á liña de fondo resolveuna cun pase da morte que atrapou Poza. Iria Castro disparou desviado desde fóra da área no minuto 32. No 44, Ainhoa Marín quixo buscar o pau máis afastado após recortar cara a dentro pero o disparo foise excesivamente cruzado.

Na segunda metade, os achegamentos a portería foron aínda menos. Millene enviou o esférico ás nubes a centro raso desde a dereita de Ainhoa Marín, no minuto 55.

Irene Ferreras moveu o banco coa entrada de Charle por Laura Fernández á hora de xogo. O cambio non produciu modificacións tácticas, xa que a soriana ocupou a posición de mediapunta.

O dominio coruñés unicamente traduciuse en infinidade de saques de esquina. Nin Paula Gutiérrez nin despois Sara Navarro conseguiron colocar algún deses centros na cabeza dalgunha compañeira para crear perigo ante a meta rival.

O DUX Logroño gozou das máis claras ocasións nos minutos finais. No minuto 79, Yohana detivo con seguridade unha falta afastada lanzada por Olga García. Un minuto despois, a porteira branquiazul saíu providencialmente para tapar o remate da surafricana Leandra Smeda após peitear unha falta de Ida Guehai. Poucos segundos máis tarde, un centro ao segundo pau de Guehai rematouno en vantaxe Aixa Salvador pero por riba do traveseiro. Xa en tempo engadido, Yohana desviou a córner co seu pé dereito un man a man con Restrepo.

Mentres, en Granada, Nerea Agüero tirou fóra de maneira incrible, soa ante a portería eibarresa, un balón na última xogada do encontro que puido dar o ascenso ás branquiazuis.

DUX Logroño: Poza, Iria Castro, Annelie Leitner, Belem, Laura Martínez, Leandra Smeda, Aixa Salvador (Valderas, min. 87), Olga García (Sofía, min. 89), Restrepo, Amani Kahounan e Ida Guehai.

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris, Inés Altamira, Raquel García, Samara, Paula Gutiérrez, Henar, Ainhoa Marín (Carlota Sánchez, min. 86), Laura Fernández (Charle, min. 61), Eva Dios (Sara Navarro, min. 72) e Millene.

Árbitra: Ane Asla Borrallo (c. vasco). Cartón amarelo a Restrepo (min. 45+1), Paula Gutiérrez (min. 79) e Belem (min. 84).

Incidencias: partido da 30ª e última xornada de Primeira Federación Ibredrola disputado na Ciudad del Fútbol de Pradoviejo.