RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor arranca a segunda volta da liga coa visita mañá mércores a un Zamora CF enrachado

O Deportivo arranca a segunda volta da liga no grupo 1º de Primera RFEF coa visita ao Zamora CF prevista para mañá mércores 26 de xaneiro ás 20:00 horas no Estadio Ruta de la Plata (Footters).

Será o segundo partido dun maratón que se iniciou o pasado domingo en Villaviciosa de Odón ante o DUX Internacional de Madrid e que concluirá este domingo 30 de xaneiro en ABANCA-RIAZOR fronte ao Real Racing Club (19:00 horas, Footters).

Os deportivistas proclamáronse campións de inverno con seis puntos de vantaxe sobre os santanderinos: 43 puntos por 37; e cuns números que xa o converten nun dos favoritos a estar no máis alto da clasificación a final de temporada: equipo máis goleador (32 tantos), menos goleado (11 goles), 11 partidos de 19 coa portería a cero, 12 partidos sen perder...

O Dépor desprázase esta tarde por estrada á cidade castelá con 22 futbolistas, entre os que non está Miku, sancionado cun partido por acumulación de amoestacións; e Pablo Trigueros, lesionado no seu bíceps femoral esquerdo o pasado domingo.

Respecto ao pasado domingo, regresan Menudo e Jaime, do que falou o adestrador branquiazul este mediodía na sala de prensa: "Chega ben, en perfecto estado. Estivémolo coidando. El estivo adestrando aínda que non o vistes e está en perfectas condicións".

Noel, Trilli e Yeremay son a representación de #ANOSACANTEIRA na convocatoria.

Esta mañá, após un quecemento e un roldo de presión, Borja Jiménez dispuxo en Abegondo un partido a tres cuartas partes do campo 2 como tarefa principal.

Mañá mércores, día do partido, o conxunto branquiazul ten previsto realizar unha última sesión ás 11:00 no campo anexo ao Estadio Ruta de la Plata: "É máis unha activación. Como nos imos pola tarde e hai moitísimas horas até a hora do partido... Facémolo habitualmente. Non hai nada novo. Trátase de activar un pouco aos rapaces para que estean preparados para o partido. Hai veces que se fai no hotel... Depende un pouco das instalacións. Hai veces que tes posibilidades de facelo nun campo. O Zamora CF cando veu aquí adestrou e nós farémolo alí. Vimos dunha viaxe longa a Madrid, que chegamos moi tarde. Hoxe tócanos viaxar outra vez. Non tivemos moita sorte co calendario", explicou Borja Jiménez aos medios de comunicación.

O partido tamén estará marcado polo frío que estes días é protagonista en boa parte do interior da península. Á hora do choque espéranse 3 graos de temperatura no estadio zamorano.

Pola súa banda, desde a chegada de Yago Iglesias, ex adestrador a pasada temporada da SD Compostela, ao banco do Zamora CF, os zamoranos suman unha derrota, o 27 de novembro en Irún (2-0), e a continuación cinco partidos seguidos sen perder.

O Zamora CF, unha das revelacións da temporada pasada ao clasificarse para o playoff de ascenso a Segunda División, liquidou ademais con vitoria os seus tres últimos partidos: En Talavera (0-1) e Valladolid (1-3); e no Estadio Ruta de la Plata fronte a un dos fanfurriñeiros do grupo, o Unionistas de Salamanca CF (2-1).

Esta boa serie fixo que o equipo castelán saíse do fondo da táboa e, con 19 puntos, é décimo quinto agora mesmo, con 2 puntos de vantaxe sobre as posicións de descenso.

Finalizado o encontro en Zamora, o Deportivo adestrarase de novo o xoves 27 de xaneiro ás 18:00 en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada.