RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor busca ante a Cultural en ABANCA-RIAZOR conseguir 3 puntos máis que vólvannos a empuxar cara ao obxectivo

O Dépor busca mañá sábado 20 de abril ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e FEF TV) conseguir ante a Cultural Leonesa, en choque correspondente á 33ª xornada no grupo 1º de Primera Federación "poder alargar esta xeira, conseguir 3 puntos máis que vólvannos a empuxar cara ao obxectivo", segundo manifestou Imanol Idiakez na sala de prensa esta mesma mañá.

Os resultados da xornada pasada deixaron a Os Nosos na cabeza do grupo 1º de Primera Federación con 64 puntos. Por detrás veñen o Barcelona Atlètic con 58 puntos (2º); Celta Fortuna (3º) e Nàstic de Tarragona (4º) con 57 puntos; e SD Ponferradina (5º) con 56.

O partido enmárcase no Día das Peñas 2024, polo que haberá actuacións musicais, polbo e churrasco desde as 13:00 horas en cálea Almirante Cadarso (enfronte da bancada de Tribuna). Por conseguinte, o técnico deportivista desexa que, "nun estadio ABANCA-RIAZOR até arriba podamos dar unha alegría a #ANOSAFORZA. Oxalá sexa unha boa fin de semana para o deportivismo, coas peñas, con todo o mundo aí empuxándonos e que o domingo o podamos completar tamén co ascenso do Dépor ABANCA".

Imanol Idiakez citou a todo o cadro, incluído Yeremay, á espera do fallo do Comité de Apelación do recurso do Dépor para deixar sen efecto o cartón amarelo que viu o canteirán pasado sábado en Teruel e que lle provocou un partido de sanción por acumulación de cartolinas. O '10' deportivista foi protagonista da semana ao asinar a súa renovación até xuño de 2030. O adestrador branquiazul cualificouna como "unha gran noticia. É un xogador no que todo o mundo ten grandes esperanzas tanto de presente como de futuro. É unha boa demostración da aposta que hai no club polo futuro, tamén de Yeremay polo Dépor. É unha alegría para todos".

Ximo Navarro tamén entrou na lista a pesar de que estivo toda a semana con traballo personalizado por unha sobrecarga na coxa esquerda. "Temos outras posibilidades", asegurou Idiakez, quen ademais subliñou que "imos ter un bo equipo no campo seguro".

Ademais Lucas regresa á convocatoria despois de 4 semanas de baixa. "Ten mellores sensacións", admitiu o preparador vasco.

O Dépor realizou esta mañá unha última sesión de traballo na Cidade Deportiva, cunha activación e roldo no campo 2; e un repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado no campo 3.

Rubén López será o único representante de #ANOSACANTEIRA.

No partido da primeira volta disputado o 13 de xaneiro entre ambos os conxuntos, último da primeira volta, venceron os leoneses (1-0) no Estadio Reino de León.

A Cultural, que a pasada fin de semana derrotou no seu estadio (3-1) á Real Sociedad B, é 6º clasificado con 52 puntos. Estará arroupado en ABANCA-RIAZOR por un total de 572 afeccionados.

Lonxe do Reino de León esta temporada o conxunto de Raúl Llona, no que militan os ex deportivistas Quique Fornos e Bicho, gañou ao CF Fuenlabrada (0-1), SD Ponferradina (1-2) e CD Lugo (0-3); empatou coa SD Tarazona (0-0), Sestao River (0-0), Real Sociedad B (0-0), CD Teruel (0-0), CF Rayo Majadahonda (1-1), CE Sabadell FC (1-1), CA Osasuna B (0-0) e SD Logroñés (0-0); e perdeu co Unionistas de Salamanca CF (1-0), Nástic (3-0), Celta Fortuna (2-0), CD Arenteiro (1-0) e FC Barcelona Atlétic (4-0).

O adestrador da Cultural asegura que o seu equipo durante a semana "traballou ben, moi centrados, con moita confianza no que estamos a facer e pensando que temos por diante un partido moi atractivo".

Cre que "o escenario de mañá ten moita transcendencia porque o que pase ten máis repercusión sobre todo a nivel mediático porque seguen sendo só 3 puntos; pero a categoría que ten o rival, o contexto no que imos xogar, nese estadio, coa afección, coa entrada que vai haber fai que teña esa repercusión maior. Nós temos marcado o partido como importante para as nosas aspiracións. Esta fin de semana hai cruces interesantes que poden ser propicios pero para iso temos que estar ao noso nivel".