RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Primeiro envite de semifinais polo ascenso mañá en Cáceres para un Dépor ABANCA que fixo "un esforzo para repor ese ánimo o máis rápido posible"

O Deportivo ABANCA encara ante o Cacereño Feminino a ida das semifinais do play off de ascenso mañá domingo 21 de maio ás 12:00 no campo Manuel Sánchez Delgado.

A última xornada en Primera Federación Iberdrola, co empate sen goles (0-0) en Logroño ante o DUX, deixou ás Nosas en 3ª posición con 53 puntos, os mesmos que a SD Eibar (2º por mellor golaverage particular e ascendido a Primeira División). CDF Osasuna Feminino (52 puntos), Granada CF (50 puntos) e Cacereño Feminino (48 puntos), que gañou pola mínima (1-0) no seu último choque ás osasunistas, son os equipos que acompañan ao Dépor ABANCA neste play off de ascenso.

Na eliminatoria, o Dépor ABANCA conserva o factor campo (a volta será en Abegondo a próxima fin de semana) ao quedar mellor clasificado que o conxunto estremeño.

"Despois duns días cambiou moito a enerxía", asegurou Irene Ferreras en rolda de prensa despois de quedarse o pasado domingo a un gol do ascenso de categoría.

A adestradora deportivista confesa que os momentos após o partido en Pradoviejo "foron dos máis duros que eu vivín no fútbol. Non me saían as palabras, tampouco sabiamos ben como afrontar ese momento. É pasar o duelo, estar xuntos. Non se deron as cousas como queriamos. Quedamos moi moi preto e se cabe fíxoo máis doloroso. Pero cando tes un propósito na vida, e nós temos agora o play off por diante, é moito máis fácil de transitar. Fixemos un esforzo para repor ese ánimo o máis rápido posible porque non temos tempo de lamentacións".

O Dépor ABANCA ten á súa disposición a todo o cadro e prepárase para visitar a unha cidade, Cáceres, envorcada co seu equipo feminino na loita por subir a Primeira División; e co seu equipo masculino, que recibe ás 20:00 horas á Valencia Mestalla nos play off de ascenso a Primera Federación.

Irene Ferreras é consciente diso, tal e como subliñou na sala de prensa: "Sabemos o escenario que nos imos a atopar, probablemente Cáceres envorcado co seu equipo, como non pode ser doutra maneira porque desde a humildade conseguiron un logro moi importante que é meterse nun play off. Pero nós imos con toda a nosa confianza, sabendo que temos moitas fortalezas, e sen ningún tipo de medo", consciente de que en liga o triunfo en ambos os partidos foi para as estremeñas: 4-0 en Cáceres e 0-2 en Abegondo.

Os case 650 quilómetros que separan Abegondo de Estremadura obrigaron ao Dépor ABANCA a adiantar hoxe o horario do adestramento na Cidade Deportiva, último antes do choque.

Así, As Nosas arrincaron o traballo ás 09:30 para, a partir das 11:15, subirse ao autocar rumbo á localidade cacereña de Miajadas, cuartel xeral do Dépor ABANCA.

O regreso á Coruña da expedición branquiazul será após o partido.

A folla de ruta do Dépor ABANCA é a seguinte:

Sábado 20 de maio
11:30: Saída en autocar a Miajadas, con parada a comer en La Bañeza
20:30: Chegada ao Hotel Triana (Miajadas)

Domingo 21 de maio
12:00: Cacereño Feminino - Deportivo ABANCA, no Centro Deportivo Federativo Manuel Sánchez Delgado
Ao concluír, viaxe de regreso por estrada á Coruña

As Nosas adestraranse de novo o luns 22 de maio ás 10:00 na Cidade Deportiva.