RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Resultados en #ANOSACANTEIRA hoxe sábado e calendario para mañá domingo

Hoxe sábado 11 de maio só un equipo de #ANOSACANTEIRA tivo partido ligueiro. O Fabril despediuse ante o CDA Navalcarnero esta temporada da Cidade Deportiva. Fíxoo cun sorriso (3-0) nun partido intranscendente a nivel clasificatorio.

A fin de semana destaca o partido do Deportivo ABANCA B, que se xoga o título en Vigo (campo das Relfas) fronte ao Sárdoma CF B, mañá domingo 12 de maio ás 18:00 horas na última xornada de liga na Primeira Autonómica. As deportivistas avantaxan en 1 punto ao Viajes InterRías FF, que recibe á mesma hora no seu campo ao CP Alertanavia.

Tamén mañá compiten lonxe de Abegondo o Xuvenil B, coa 3ª praza en xogo da Liga Nacional; e o Cadete A, subcampión xa da División de Honra. Ambos os choques serán no Municipal santiagués de Santa Isabel (12:00 e 10:00 horas respectivamente) fronte ao CD Conxo Santiago.

Por outra banda, dous equipos adiantaron ao pasado xoves 9 de maio os seus partidos ligueiros.

O Cadete B freou (4-2) na Cidade Deportiva ao ED Xuventude de Oroso, subcampión de liga a falta de 1 xornada. O conxunto deportivista tamén ten amarrada desde hai varias semanas a medalla de bronce no grupo norte da Liga Galega.

E a escasos quilómetros, no campo do Monte de San Tirso, o Alevín A impúxose ao San Tirso SD (7-1) na penúltima xornada do grupo norte do Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11.

Finalmente, o partido do Benxamín B correspondente á 13ª xornada na Segunda Fase grupo 1º A Coruña xogarase o mércores 15 de maio en Santa María del Mar debido á participación do equipo branquiazul esta fin de semana na Kempen Cup de Alemaña.

O calendario de partidos, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Segunda División B
37ª xornada: FABRIL 3 (Uxío, Víctor e Montiel) - CDA NAVALCARNERO 0

Categoría feminina
Primeira Autonómica, 30ª xornada, última: SÁRDOMA CF B - DEPORTIVO ABANCA B, o domingo 12 de maio ás 18:00 nas Relfas (Vigo)

Categoría xuvenil
Liga Nacional, 33ª xornada: CD CONXO SANTIAGO - XUVENIL B, o domingo 12 de maio ás 12:00 no Municipal de Santa Isabel (Santiago)

Categoría cadete
División de Honra, 33ª xornada: CD CONXO SANTIAGO - CADETE A, o domingo 12 de maio ás 10:00 no Municipal de Santa Isabel (Santiago)

Liga Galega, grupo norte, 33ª xornada: CADETE B 4 (Hugo Suárez e Pablo Trigo -3-) - ED XUVENTUDE DE OROSO 2

Categoría alevín
Trofeo Conservas Calvo de fútbol 11, 12ª xornada: ALEVÍN A 7 (Daniel -2-, Murilo -2-, Jairo, Samuel e Álex) - SAN TIRSO SD A 1

Categoría benxamín
Segunda Fase, grupo 1º A Coruña, 13ª xornada: SANTA MARÍA DEL MAR A - BENXAMÍN B, o mércores 15 de maio ás 18:15 en Santa María del Mar