RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor ABANCA "concienciado e tranquilo" busca mañá domingo en Logroño ante o DUX o ascenso directo

O Dépor ABANCA visita mañá domingo 14 de maio ás 12:00 ao DUX Logroño na Ciudad del Fútbol de Pradoviejo, na última xornada de Primera Federación Iberdrola.

O partido, decisivo para a praza de ascenso directo a Primeira División, poderase seguir en directo pola canle de YouTube e a APP do RC Deportivo.

O triunfo (6-2) da pasada semana sobre o CD Juan Grande Ginelux, unido aos resultados do resto da xornada, deixou ás Nosas en 3ª posición con 52 puntos, os mesmos que SD Eibar (2º) e CDF Osasuna Femenino (4º). Por detrás vén o Granada CF (5º con 49 puntos). Por diante, xa campión aínda que non pode ascender de categoría pola súa condición de filial, queda o FC Barcelona B (59 puntos).

Á mesma hora que o Dépor ABANCA, o Granada CF recibe á SD Eibar e o CDF Osasuna visita ao Cacereño Femenino.

Co playoff xa no peto, varias combinacións colocan ás Nosas a próxima temporada na máxima categoría nacional:

- Se o Dépor ABANCA gana e o SD Eibar empata ou perde, ascenderán as branquiazuis, posto que se tamén gañase o CDF Osasuna Femenino, un hipotético empate favorece ás coruñesas, que gañaron ambos os partidos ante as pamplonicas.

- Se o Dépor ABANCA empata e SD Eibar e CDF Osasuna Femenino perden os seus encontros.

- Se perden Dépor ABANCA, CDF Osasuna Femenino e SD Eibar, que o faría ante o Granada CF, provocaría un cuádruplo empate que tamén daría o ascenso ao equipo herculino, que suma 11 puntos ante eses rivais, por 8 das guipuscoanas, 7 das navarras e 6 das andaluzas.

O triplo empate entre Dépor ABANCA, CDF Osasuna Femenino e SD Eibar daría o ascenso ao conxunto vasco, xa que os resultados entre os tres equipos dan un novo empate a 7 puntos entre branquiazuis e azulgranas, que se resolvería a favor das segundas ao empatar en Abegondo e gañar en Unbe, do mesmo xeito que o empate simple entre deportivistas e armeiras.

Irene Ferreras, en rolda de prensa onte, comentou que "xa tivemos dous días (en referencia ao mércores e ao xoves) para estar a barruntar sobre o que podía ser, o que se podía dar para que todo o mundo tivese claras as contas. A partir de aí xa non nos achega absolutamente nada estar a perder enerxía en que van facer uns ou outros. Temos que pensar en nós. Todo o que non sexa estar ocupado e concentrado no teu presente réstache rendemento. E esa é a parte máis difícil e máis importante".

De feito, a adestradora deportivista comentou que en Logroño "non quero saber nada. Quero estar a vivir o partido, gozándoo como o que é, o último partido de liga. Cando chegue a noticia final imos estar xuntos para o bo e para o malo. O equipo está concienciado, tranquilo e esa é a maneira de conseguir o obxectivo".

Todo o cadro, que está en condicións de competir, viaxa a Logroño ademais de Paula Monteagudo, representante de #ANOSACANTEIRA. "Agora mesmo daría igual como estivesen as xogadoras. É unha semana na que todas queren estar. Teño a todas dispoñibles e con moi boas sensacións. Onte (polo xoves) gocei dun dos mellores adestramentos desde o punto de vista colectivo porque vía a todas a un nivel moi alto. Iso ponme a min as cousas complicadas de cara a decidir o once pero faime respirar moita confianza porque as vexo moi ben, moi centradas", apuntou Irene Ferreras ante os medios de comunicación.

Pola súa banda, o DUX Logroño, no que milita a ex deportivista Kika Moreno, unicamente xógase 3 puntos. O conxunto rioxano marcha 8º na clasificación con 42 puntos despois do seu empate a pasada fin de semana en Barcelona ante o RCD Espanyol (1-1).

No partido da primeira volta disputado en Abegondo o pasado 24 de setembro venceron as deportivistas (3-0) con tantos de Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín e unha futbolista rival en propia meta.

Esta temporada no seu campo de Pradoviejo, o DUX gañou a Athletic Club B (5-0), UDG Tenerife B (2-1), CD Juan Grande Ginelux (1-0), Cacereño Femenino (2-1), Córdoba CF (4-1) e Real Oviedo (2-1); empatou con CD Alba Fundación Femenino (1-1), FC Barcelona B (2-2) e Rayo Vallecano (1-1); e caeu con SD Eibar (0-1), RCD Espanyol (1-2), Granada CF (1-2), SE AEM (0-2) e CDF Osasuna Femenino (0-3). En total, as rioxanas gañaron 6 partidos, empataron 3 e perderon 5.

Hoxe sábado non houbo actividade no campo para As Nosas. O cadro reuniuse unicamente na sala de vídeo ás 10:00 antes de subirse ao autocar rumbo a Logroño.

O regreso á Coruña será nada máis concluír o encontro.

O plan de viaxe do Deportivo ABANCA é o seguinte:

Sábado 13 de maio
10:00: Sesión de vídeo en Abegondo
10:45: Saída do autocar con parada a comer en Vega de Valcarce
18:30 (horario aproximado): Chegada ao hotel Zenit Logroño

Domingo 14 de maio
12:00: DUX Logroño - Deportivo ABANCA, na Ciudad del Fútbol de Pradoviejo
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

As Nosas teñen previsto adestrarse de novo o luns 15 ás 9:00 na Cidade Deportiva.