RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Fundación RC Deportivo colabora coa AP da Policía Local e Global Humanitaria

A Fundación RC Deportivo colaborou co proxecto solidario da Asociación Profesional da Policía Local da Coruña, un proxecto que naceu no ano 2009, após acordo asembleario no que se decidiu destinar o 10% das cotas dos seus afiliados a causas benéficas. Desde entón foron numerosas as colaboracións con diferentes organizacións, algunhas delas de ámbito internacional chegando a lugares como Camerún, Guatemala, Sahara ou Mozambique, así como numerosas actuacións no ámbito local en colaboración con organizacións como Cruz Vermella ou o Banco de Alimentos Rías Altas.

Neste 2021 a colaboración levouse a cabo con dous proxectos da ONG Global Humanitaria.

En primeiro lugar, e coa colaboración da Fundación RC Deportivo, realizouse unha doazón de material, enviando á escola de Bodouakro en Costa de Marfil 50 equipamentos completos e 100 gorras da asociación que foron entregadas aos nenos e nenas da escola esta semana aproveitando as datas do Nadal. Os proxectos da ONG en Costa de Marfil son coordinados pola  xornalista coruñesa e Deportivista Cristina Saavedra.

A segunda achega por parte da Asociación Profesional da Policía Local da Coruña foi unha doazón de 1.000 euros ao proxecto de alfabetización de mulleres en Costa do Marfil que leva a cabo Global Humanitaria na rexión de Daloa en colaboración coa agrupación "Benkadi" de Kafanadougou.