RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

A Fundación RC Deportivo fai chegar a Camerún material deportivo e deportivista

A Fundación Real Club Deportivo segue atendendo, na medida das súas posibilidades, as peticións que afeccionados do Dépor fan para proxectos sociais noutros paises.

É o caso da petición de Alexandre Sureda, que grazas á política de RSC do Club e a Fundación está a facer posible, aos seus 22 anos, o seu soño de levar o nome do Deportivo polo mundo, facendo felices a nenos que o merecen como ninguén.

Desde hai semanas imparte clases de castelán, inglés e deporte en Azobe, un colexio preto do centro de Yaundé, a capital de Camerún. O centro é unha institución trilingüe que naceu hai tres anos e que na actualidade forma a 84 mozos de entre 5 e 9 anos. Nun país no que a media de alumnos por clase pode superar os 45 na educación primaria e os 80 na secundaria, en Azobe establécese un máximo de 25, buscando unha maior atención personalizada. A pesar das dificultades coas que conviven no seu día a día, os alumnos son felices co que reciben. Neste caso os equipamentos doados polo Deportivo. A través do deporte Alexandre tenta transmitirlles valores como a solidariedade, o compañeirismo, o respecto e o esforzo.

Tamén a Camerún, a través dunha Deportivista pertencente a Dentistas sen Fronteiras, chegaron equipamentos dos DéporCampus para colaborar coa ONG Recover Hospitais para África. Os alumnos do colexio católico de Sangmelima foron os receptores destes equipamentos.