RCD / NOVAS

A selección española sub-16, co deportivista José Rey, gaña o Torneo Football Federations Cup

27/11/2022 20:10

- Foto: @SEFutbol -

A selección española sub-16, con José Rey na convocatoria, gañou a final do Torneo Internacional Football Federations Cup esta mañá no Estadio Guillermo Amor de Benidorm ante Bélxica (2-1).

O cadete deportivista seguiu o partido desde o banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.

O pasado venres, Xapón foi o segundo rival de España na 2ª xornada do torneo. José Rey foi titular e debutou así con este combinado nacional. Foi relevado no minuto 56 por Reyes. O choque acabou en igualada (0-0) a pesar das numerosas oportunidades gozadas polos hispanos, que foron mellores que os seus rivais nos penaltis: 3-1.

O pasado mércores, o canteirán branquiazul non tivo minutos ante Estados Unidos na 1ª xornada, que se saldou con triunfo dos españois na quenda de penaltis (4-2) após chegar ao final do tempo regulamentario con igualada (2-2).

José Rey pertence ao cadro do Cadete que lidera a División de Honra con 5 puntos de vantaxe sobre o 2º clasificado, o RC Celta. Esta temporada, suma 4 goles.

Precisamente a consecuencia desta citación internacional, o atacante foi baixa obrigada no encontro ligueiro do seu equipo en Abegondo ante o ED Xuventude de Oroso.

Desta forma, #ANOSACANTEIRA volve estar no punto de mira das categorías inferiores da selección española porque recentemente o dianteiro do Xuvenil A Kevin Sánchez participou coa sub-18 en dous partidos amigables ante Suíza na Ciudad del Fútbol de Las Rozas.

Os resultados da selección española sub-16 nesta concentración de Alfaz del Pi foron os seguintes:

Mércores 23 de novembro
ESPAÑA 2 - ESTADOS UNIDOS 2. A penaltis: 4-2

Venres 25 de novembro
ESPAÑA 0 - XAPÓN 0. A penaltis: 3-1

Domingo 27 de novembro
Final
ESPAÑA 2 - BÉLXICA 1