RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

ABANCA-RIAZOR prepárase para arroupar mañá martes ao Dépor ABANCA na final por salvar a categoría

A profunda reestruturación do fútbol feminino para a temporada 2022-23 fai que o sexto clasificado do grupo norte de Reto Iberdrola, o Deportivo ABANCA, teña que disputar un play out de permanencia, a partido único, mañá martes 31 de maio en ABANCA-RIAZOR ante a Real Unión de Tenerife, antigo CD Tacuense.

En caso de igualada ao final do tempo regulamentario e da prórroga haberá lanzamentos desde o punto de penalti para dirimir ao equipo que permanecerá en Reto Iberdrola a temporada que vén.

As branquiazuis empataron o pasado sábado co Atlético de Madrid B no campo 3 de Abegondo e quedaron igualadas a 51 puntos co quinto clasificado, o FC Barcelona B, que esquivou in extremis esta eliminatoria. No golaverage particular entre coruñesas e barcelonistas houbo igualada ao vencer cada un no seu campo por 2-1. No golaverage xeral a diferenza de goles marcados e encaixados dos dous equipos tamén era a mesma: +20. Así pois, o filial azulgrana quedou por diante na clasificación porque marcou 52 goles por 49 as deportivistas.

Asimilado este transo, o Dépor ABANCA adestrouse onte domingo, farao hoxe luns en Abegondo e repetirá mañá martes pola mañá en ABANCA-RIAZOR, escenario do partido. "Isto xa está feito. Os entrenos son totalmente lixeiros. Todo o que aprendemos esta temporada, todo o que discutimos, celebramos... vaise a ver mañá. Agora xa abrazos, boas palabras e a por iso", comentou Miguel Llorente esta mesma mañá na sala de prensa do Estadio.

Coa baixa segura de Andrea Sierra por lesión, mañá martes, após o último adestramento, Miguel Llorente fará pública a lista de convocadas.

No rival, a Real Unión de Tenerife, milita a futbolista coruñesa Miriam Ríos e histórica ex capitá do Dépor ABANCA. "Non a coñezo pero imaxínome que sobre todo para ela si que será un día especial. Onte puña un tweet e dicía que non quería que lle tocase ese desenlace e ao final tocou. Imaxínome que para as compañeiras que tivo ela no Club será un día especial e importante para todas elas", declaraba respecto diso o técnico deportivista.

O cadro tinerfeño acabou a liga no grupo sur de Reto Iberdrola en decimoprimera posición con 36 puntos. En total gañaron 8 partidos, empataron 12 e perderon 10, cun balance de 35 goles marcados e 41 encaixados.

Lonxe do seu campo de La Salud, a Real Unión de Tenerife gañou tan só 2 partidos. Os demais foron 8 empates e 5 derrotas; cun total de 13 goles marcados e 23 encaixados.

Co obxectivo de que o Dépor ABANCA conte co maior respaldo posible de #ANOSAFORZA, o acceso a ABANCA-RIAZOR será libre e gratuíto para todas as acodes persoas e afeccionadas en xeral que desexen acudir. Para iso abriranse os accesos ao Estadio da bancada de Tribuna Inferior, portas 2 e 29, da rúa Manuel Murguía, desde as 19:00 h.