RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Aberta a inscrición nas 13 sedes dos DéporCampus Cabreiroá deste verán

Este verán regresa a principal actividade social do RC Deportivo a través da súa Fundación, os DéporCampus Cabreiroá, nos que participan miles de nenas e nenos de boa parte de Galicia e para os que hoxe se abriu o prazo de inscrición para as 13 sedes nas 4 provincias galegas. Este ano desenvolveranse, para participantes desde os 6 aos 14 anos, entre os meses de xuño e agosto.

A gran novidade desta temporada é que todos os nenos e nenas recibirán un equipamento completo composto de camiseta, pantalón e medias cun novo deseño exclusivo dos DéporCampus Cabreiroá após 2 edicións co deseño anterior.

Ademais, súmanse novos espazos para gozar desta actividade organizada pola Fundación RC Deportivo como é a sede de Outes, que se une a Abegondo, Terras de Maside, Cee, Bertamiráns, Caranza, Ourense, Viveiro, Monforte, Silleda, Boiro, Zas e Cuntis.

Como cada ano, a instalación con máis semanas de actividade serán as da Cidade Deportiva de Abegondo, que acollerá o DéporCampus Cabreiroá 2022 en seis quendas, un por semana, entre o 27 de xuño e o 5 de agosto. Para esta sede central ademais, os participantes poden acollerse a tarifas reducidas se se inscriben antes do próximo 15 de xuño.

Tamén poden acollerse a descontos as nenas e nenos que participasen en edicións anteriores dos DéporCampus Cabreiroá e das Escolas RC Deportivo, ademais dos que gozan Socios ou Accionistas do RC Deportivo, xogadores do Club, familias numerosas ou con máis dun membro en paro e familias que inscriban a máis dun fillo.

Os DéporCampus Cabreiroá 2022 desenvolveranse baixo a normativa sanitaria vixente con estritas medidas de control de hixiene e seguridade para evitar contactos por COVID-19.

Toda a información sobre cada sede, cada quenda, horarios e demais preguntas frecuentes atópase en deporcampus.rcdeportivo.es, onde se pode realizar todo o proceso de inscrición e contacto, que tamén se pode establecer a través de deporcampus@rcdeportivo.es e no 981259500.