RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Andone: "Somos os primeiros que desexamos sacar isto adiante e ímolo a dar todo"

Após recoller o Premio ao Xogador Estrella correspondente ao mes de xaneiro, Florin Andone atendeu aos medios de comunicación en Abegondo.

O dianteiro deportivista, do encontro deste venres 23 de febreiro no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Espanyol (21:00 horas, Bein LaLiga), subliña que é importante "como todos os que nos quedan a partir de agora. Estamos na mesma situación, non conseguimos puntos. Estando en descenso, todos os partidos que temos por diante son finais para nós. Temos moitas ganas de gañar e de sentirnos felices despois dun partido. Xa son moitos onde non temos o premio que buscamos. Esperemos que sexa un partido que quede en casa".

Insiste en que "temos que gañar. É verdade que as cousas, baixo o meu punto de vista, están a facerse mellor. Estamos a traballar varios aspectos para mellorar. O equipo está moito máis sólido. Agora fáltanos arriba as ocasións que temos tentar metelas, e gañar partidos. O único que nos vale agora é sumar de 3 en 3. Vai ser imposible gañar todos o partidos pero polo menos en casa tentar facernos fortes e tentar gañar ou sumar puntos. Esperemos que este venres ante o Espanyol sexa un partido onde nos saian as cousas ben e gañémolo".

Está de acordo con Raúl Albentosa, quen onte martes sostiña que a orde é a premisa principal de Clarence Seedorf: "Se analizas o partido ante o Betis, non fomos inferiores a eles, tivemos uns cantos paus. Contra o Alavés tamén achegamentos. Oportunidades claras eles non tiveron. Se cadra 1 ou 2. Pero é normal porque xogas contra equipos de Primeira División. Defensivamente estamos moitísimo mellor. Desgraciadamente non aproveitamos as ocasións que tivemos para meter gol".

Nesta liña, asegura Andone que "as cousas se están traballando, están a corrixirse moitos aspectos onde tiñamos mellora. Esperemos que pronto se vexa no campo reflectido nun resultado positivo para nós".

É optimista o ariete branquiazul: "Con 14 partidos por diante é moi pronto para falar de baixar de categoría. Ata que non acabe a temporada non saberemos en que situación estaremos. Hai que ter tranquilidade, saber estar nestes momentos, que son momentos difíciles, momentos onde non puntuamos. Pero os equipos de abaixo tampouco o fan. A marxe é a mesma, 3 puntos que recortar ao Levante. Esperemos que sumemos os puntos necesarios para saír desa zona canto antes para a nosa tranquilidade, a tranquilidade do propio Club e da afección".

Recalca Andone que "nós somos os primeiros que desexamos sacar isto adiante e ímolo a dar todo. Todo o mundo quere facelo ben e todos queremos gañar. Se non o facemos é porque non nos están saíndo as cousas. Ninguén neste vestiario está a tirarse do barco, ou non quere gañar, ou quere cousas raras. Todos queremos gañar e todos queremos facer as cousas ben. Estamos fodidos todos por esta situación. O que nos queda é traballar, tentar calar en todo o que podamos, aceptar as críticas que nos veñen de todos lados e traballar para sacar isto adiante. Estou seguro de que o imos a sacar".

Explica así a segunda parte do pasado sábado en Vitoria ante o Alavés, sen apenas crear perigo á meta rival: "é fútbol. Hai situacións do partido que che atopas por baixo no marcador e aféctache pola situación na que estás. É unha situación máis ou menos mental. Fáltanos esa melloría de mente, de saber levar os partidos até o final. Cando vímonos con 1-0 por detrás, pensamos 'outra vez váisenos a ir o partido'... Son cousas que o míster está a traballar moito. Estou seguro que co traballo que estamos a facer, sobre todo as ideas novas, ímolo a sacar".

Ao Espanyol, rival este venres, veo como un equipo "moi forte, con bos xogadores individualmente, como grupo tamén. É un equipo con moita pegada. Gústame moito, o estilo que ten. Vai ser un partido moi duro, pero como todos os que temos por diante".