RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Avanzar en Copa este mércores en Tenerife, novo reto para o Dépor ABANCA

O Deportivo ABANCA viaxa mañá martes ás Illas Canarias para visitar este mércores 19 de outubro ás 18:00 (hora local, 19:00 na Península) ao Fundación Canaria CD Tenerife na segunda eliminatoria da Copa da Raíña.

O choque será retransmitido en directo pola canle de Youtube do CD Tenerife.

A eliminatoria será a partido único lonxe de Abegondo, posto que o conxunto canario é de inferior categoría ao branquiazul, xa que milita no grupo sur de Segunda Federación FutFem.

Co impulso da boa actuación ligueira (3-0) de onte domingo na Cidade Deportiva ante o CDF Osasuna, resultado que levantou ao Deportivo ABANCA á 3ª posición da clasificación con 10 puntos, a 3 puntos do líder SD Eibar, o conxunto branquiazul encara esta nova cita copeira.

A única futbolista de baixa médica é Letti Sevilla. Por contra, Paula Novo e Noela representarán a #ANOSACANTEIRA nunha lista de 16 xogadoras.

En rolda de prensa a pasada semana, Irene Ferreras comentou que "cobra moita relevancia o cadro ao completo" e asegura que as futbolistas menos habituais "están a dar un paso adiante e a min demóstrame que teño á xente enchufada para afrontar semanas con 3 partidos en 7 días e con garantías de poder sacar bos resultados".

Así, quedan na Coruña Ainhoa Marín, Laura Fernández, Marta Charle, Millene e Raquel García, todas elas por descanso.

Por outra banda, o rival do Dépor ABANCA preséntase ao partido após igualar en liga (2-2) no seu campo esta pasada fin de semana ante o CD Femarguín. Este marcador deixa ás chicharreiras na 7ª praza do grupo con 7 puntos.

En primeira rolda, o Deportivo ABANCA eliminou (5-0) ao CD Parquesol en Abegondo con goles de Millene -3-, Eva Dios e Paula Novo; mentres que o Fundación Canaria CD Tenerife apeou ao CD Castellón (5-1).

As branquiazuis adestráronse hoxe luns en Abegondo nunha xornada de recuperación e mañá viaxan ás Illas Canarias, onde Irene Ferreras dirixirá unha última sesión de traballo previa ao choque.

A folla de ruta do Deportivo ABANCA é a seguinte:

Martes 18 de outubro
09:15: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino ao Aeroporto de Barcelona
12:05: Saída de Barcelona con destino ao Aeroporto de Tenerife Norte
14:35 (hora local): Chegada aproximada a Santa Cruz de Tenerife e aloxamento no hotel Occidental Santa Cruz Contemporáneo
18:00 (hora local): Adestramento na Ciudad Deportiva Javier Pérez

Mércores 19 de outubro
18:00 (hora local, 19:00 na Península): Fundación Canaria CD Tenerife - Deportivo ABANCA, na Ciudad Deportiva Javier Pérez

Xoves 20 de outubro
07:50 (hora local): Saída do voo de Tenerife Norte con destino Santiago
11:30: Chegada aproximada a Galicia
13:00 (hora aproximada): Adestramento en Abegondo