RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Jiménez: "Temos que facer máis porque con isto non nos vale"

Borja Jiménez afirmou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "os dous inicios da primeira parte como a segunda entramos bastante ben o partido. Custounos a partir do minuto 20 ou 25. Perdemos un pouco o control. Aí custounos máis. E logo na segunda parte volvemos a entrar moi ben, con situacións moi preto da súa área, bastante roubo en situacións próximas ao gol. Pero é un pouco o de sempre, empezan a caer xogadores, interrupcións... Cortáronnos un pouquiño o ritmo e logo volvemos a enganchar coa entrada de Diego Aguirre e de Mario Soriano. Volvemos a atopar con certa altura aos laterais e volvemos a ter situacións de gol".

O técnico deportivista é consciente que "temos que facer máis porque con isto non nos vale. Hai que facer máis, adestrar máis e seguir mellorando. Se co que fixemos hoxe non nos dá para gañar, temos que seguir. Creo que o equipo fixo un esforzo moi grande durante os 90 minutos e non nos serviu, ou sexa que hai que facer máis".

Sobre o posible penalti na área do Racing de Ferrol, chancea dicindo que "non podo dicir o que penso. Hai alguén aquí da Federación e é posible que puidese ir até preso. Hai cousas que non podemos controlar e é o tema da arbitraxe. Aí están as imaxes. Se con isto non nos dá para gañar, como adestrador o único que podo controlar é tentar facer máis cousas para que o equipo faga gol cun, dous porteiros, cos que teña o rival, pero que faga goles. As imaxes, non só deste día, senón de bastantes semanas, falan por si soas e xa está. Eu intúo que eles teñen boa fe, que queren facelo ben, pero equivocaranse, non estarán acertados".

O adestrador branquiazul confesa que "o vestiario se vai coa sensación de que debería de gañar. É un vestiario moi competitivo, está fodido por dentro porque non gañaron, que era o que o que queriamos, non só por nós, senón por #ANOSAFORZA, por como nos recibiron, polo agarimo que nos dan sempre. Aí si que existe esa dor interna de cada un de nós por non darlles unha alegría, sabendo que o equipo volveu a ser moi superior, infinitamente superior ao rival, pero non nos deu. Teremos que xerar máis, estar máis acertados na toma de decisións, na finalización. Ian Mackay fixo unha parada moi boa nun centro lateral, pero foi dos poucos envíos que tiveron á área. Ao final corres riscos e pódense producir transicións de dúas contra dúas porque tiñamos moi claro que o único obxectivo era gañar. O vestiario está amolado polo feito de non facelo, pero non lles vin como lles puiden ver o día de Irún que si se sentiron superiores. Hoxe entenden que non fomos capaces de gañar, pero o equipo está un pouco en liña ascendente de xogo".

Así pois, segundo Borja Jiménez, "o que podemos facer é, como lles dixen a eles, traballar. Hoxe valoramos o malgaste que fixeron todos, que non é un equipo que lle faltou ningún día, pero hoxe era un partido especial. Tiñamos moitas ganas. Viñamos de facer catro puntos de seis. Hoxe queriamos volver gañar ante #ANOSAFORZA porque son os que máis o merecen, pero non nos deu. Agora a pensar en Badaxoz, que é o que está nas nosas mans. Hoxe empatamos, pois a tentar en Badaxoz convertelo nunha vitoria".

Insiste que segue "moi convencido. Moi, moi, moi convencido de que é o camiño. Se agora con X situacións de gol non nos dá, teremos que facer máis. Hoxe o equipo a nivel defensivo non xerou nada ou case nada. Fomos moi dominadores durante todo o partido, pero hai que facer máis todos, todos. Facer autocrítica e mirar cara a adiante, independentemente do que poidan ir facendo os nosos rivais, porque iso non está nas nosas mans. Nós a mellorar para gañar".

Ten claro que "agora estamos peor en canto a puntuación, pero o máis importante, ou para min como adestrador o máis importante, é que despois da fochanca que pasamos con tres derrotas, vimos de dous empates. Hoxe en ABANCA-RIAZOR queriamos gañar. Fixemos méritos para iso, pero está a pasarnos. Non é a primeira semana que temos situacións moi claras de gol xa non só os dianteiros, hoxe xogadores de segunda liña que se incorporaron. Hai unha porcentaxe que non podemos manexar, entón hai que seguir. Desde a confianza en que este é o camiño. Moita xente custaralle máis entender a mensaxe porque cando os resultados non chegan é difícil que a xente crea porque é así, é algo natural do ser humano, pero sigo pensando que o camiño é mellorar nós mesmos porque con partidos con menos ocasións, quizais o do CD Calahorra fomos capaces de gañar; con partidos con máis ocasións nunca fomos capaces de gañar, excepto a primeira xornada. É o momento de, dentro do que nós podamos, a eses xogadores transmitirlles confianza e seguridade porque volverán ou volveremos facer goles. Hoxe o equipo a nivel defensivo deu outro pasiño máis en canto a intensidade e hai que seguir. Estamos súper convencidos todos de que este é o camiño e que nos vai a dar; e parto da base que a mensaxe despois de non gañar, é máis fodido de entender para #ANOSAFORZA".

Precisamente ao deportivismo pídelle Borja Jiménez "desculpas. Que saiban que imos a matar cada día, que nos doe cando non gañamos igual que a eles. Temos ese sentimento de pertenza ao Club como o teñen eles, nós desde menos tempo porque levamos menos tempo. En todos os que estamos aquí hai un sentimento que se creou co Club moi grande. Moléstanos por non gañar e sobre todo porque queremos ao Club".

Pola súa banda, Cristóbal Parralo, adestrador do Racing de Ferrol, manifestou que o partido foi "moi competido, moi disputado sen apenas ocasións. Sobre todo na primeira parte. Estivemos ben organizados defensivamente na primeira parte e faltounos ameazar un pouco máis. Eles apertáronnos ben e imposibilitáronnos facer transicións e poder xerar ocasións. E na segunda estivemos bastante mellor ao principio, con algunha chegada e ocasión clara. Logo sufrimos, apertounos o Dépor. Ao final o resultado é xusto".