RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Valle insiste en "traballar para mellorar e non baixar os brazos. Todo pode suceder"

Borja Valle pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo. Opina que o que lle pasa ao Deportivo é que "non gana. Levamos unha dinámica na que non consegues os resultados, na que o tentas, na que traballas todas as semanas para conseguir o obxectivo e non saen as cousas. É unha dinámica mala na que non atopamos nada positivo".

O atacante berciano entende que "haxa nerviosismo, preocupación, enfado. Enténdoo porque nós sentimos iso tamén. Ao final o obxectivo é moi ambicioso e é normal que cando te afastas dese obxectivo como o estamos facendo, é normal que salten as alarmas, que haxa preocupación, medo e enfados".

Nestes momentos, pide "estar unidos, estar xuntos e tentar darlle a volta a isto canto antes". Mesmo non descarta o ascenso directo porque "isto é fútbol e nisto todo pode pasar, todo pode suceder. ¿Que está complicado? ¿que está difícil? Si, porque ao final levamos unha dinámica moi negativa na que non ganas, non te sentes protagonista, non te sentes cómodo. E o obxectivo afástase. Pero eu non descarto nada. No fútbol todo pode pasar, até o último minuto. O último que podemos perder é a fe e baixar os brazos".

Explica as dúas últimas derrotas ante Rayo Majadahonda e Extremadura UD en ABANCA-RIAZOR porque "non consegues atopar a túa mellor versión, porque non te atopas cómodo, porque non es protagonista, porque éntranche os medos, porque a cabeza dá moitas voltas e a preocupación invade a todo o mundo: ao afeccionado, ao xogador... a todo o mundo".

Insiste en que hai que "traballar para mellorar e non baixar os brazos. Todo pode suceder. Quedan finais. Temos que afrontar os partidos como finais e tentar facelo o mellor posible para acabar cunha boa dinámica".

Non comparte a opinión de que co cambio de adestrador e de sistema, os xogadores estean perdidos: "Somos profesionais e isto sucedeunos millón de veces a cada un. Non creo que sintamos perdidos. O problema é que agora se xunta con que non ganas e que as cousas non saen ben. As cousas non acaban de saír, non es eficaz e os demais de 3 ocasións métenche 3, de 1 métenche 1, e a nós cústanos un mundo".

Tampouco cre determinante na situación actual do equipo que non haxa un veterano, un líder natural no vestiario: "Estou de acordo que somos un grupo homoxéneo, moi bos todos, que todos pensamos da mesma maneira e que todos temos que dar un paso adiante. Non considero que esteamos nesta situación porque non haxa unha persoa que dese un paso adiante, ou non haxa un líder. Na primeira volta tampouco o había e este Deportivo arrasaba. Non creo que sexa iso un factor determinante. Todos somos importantes no cadro, todos temos voz e voto e todos damos o noso punto de vista. ¿Que todos temos que dar un paso adiante? Si. Todos temos que ser importantes e non o estamos sendo".

Nin para Borja Valle o peso da responsabilidade, a ansiedade, serve de escusa: "Cando firmas nun club como o Deportivo, sexa en Primeira ou máis en Segunda, estás en club dunha altura inmensa e que todo iso ten unha responsabilidade moi grande. Considero que cando as cousas van ben todo vai a favor e cando as cousas non saen créasche unha bóla de negación, de pesimismo, de cousas malas. Se cadra iso non é a mellor contorna para ninguén, nin para un futbolista nin para calquera traballador. Pero isto témolo que sacar nós adiante e tentar darlle a volta a esta situación". "Cando ti representas a un Deportivo que loita polos postos de cabeza e levas 3 meses que non o consegues, é normal que o ambiente estea negro", engade.

Afirma que José Luis Martí, substitución de Natxo González no banco, "é unha persoa moi positiva que nos transmite moita alegría. Pídenos que sexamos conscientes do día a día, que non pensemos nada máis aló. Imaxino que é duro para el chegar e afrontar esta situación. Ao final ve un grupo que está fodido, que día a día tentas levantalo e a fin de semana vólvese a pegar outro golpe. Pero nós cremos ao 100 % nel e na decisión que tomou o Club. Non podemos meternos en valorar a un ou outro. Temos que crer nas condicións que ten este míster, no pensamento, crer ao 100 % e crer até o final".

Nesta liña, asegura que "o míster veu ao 100 % cunhas pilas súper cargadas. Nós cada partido que saímos cremos ao 100 % que o imos a conseguir. De verdade cremos. O problema é que de verdade non acaban de saír as cousas. Agora hai que pensar nunha nova semana, que temos unha nova oportunidade porque o fútbol sempre che da unha nova oportunidade. E empezar desde cero. Empezar a pensar no venres 26 de abril (en Soria, 21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV), en tentar gañar, en tentar volver coller unha boa dinámica e esquecer esta mala serie".