RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Colabora con Cruz Vermella, Cáritas ou o Banco de Alimentos e recibirás unha entrada para o #DéporBetis

Con motivo do partido de volta de 1/16 de final da Copa do Rei, o RC Deportivo quere colaborar con 3 institucións que, todo o ano, e especialmente nestas datas, realizan un gran labor social: Cruz Vermella, Cáritas e o Banco de Alimentos. Por iso, actívase unha acción especial na Bancada Solidaria de Riazor. Distribuiranse 300 entradas a cada unha delas para que os deportivistas que colaboren hoxe, mañá ou pasado con estas entidades, reciban a cambio unha localidade, ata que se esgoten, para o #DéporBetis do mércores ás 21.00 h. en Riazor.

Recibirán unha entrada para o partido de Copa todos os deportivistas que deixen xoguetes novos en Cruz Vermella (C/ Cruz Roja Española, 1 · 15002 A Coruña -recepción planta baixa- Tfno: 981 221 000) no seguinte horario: luns 19 e martes 20 de 09.00 a 14.00 e 16.00 a 18.00; e mércores 21 de 09.00 a 14.00 h.

Tamén se regalarán entradas a todos os deportivistas que deixen unha bolsa de alimentos non perecedoiros ao Banco de Alimentos nunha furgoneta disposta o mesmo día de partido en Avenida de La Habana (fronte á Oficina de Atención ao Deportivista) desde dúas horas antes do partido.

E a todos aqueles que colaboren entregando roupa e material de primeira necesidade a Cáritas en Cardeal Cisneros 63-65 (Sagrada Familia) de 09.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.00 horas ou en Praza Recife s/n (lateral igrexa de San Pablo) luns, martes e mércores de 08.30 a 14.30 e martes e mércores de 17.00 a 19.00 h.

Unha decena de entidades sociais gozaron da bancada solidaria de Riazor no partido Dépor-Osasuna.

Fronte aos navarros, as entidades beneficiarias da Bancada Solidaria de Riazor foron ONG Mestura, Fundación Adcor, Reto Coruña, Aspronaga, Proxecto Educativo Social A Marola, Casco Comité Antisida, Cogami, Asociación Remar, Centro de Menores José Calasanz e Colectivo Moucho.

A Bancada Solidaria de Riazor dispón de 250 localidades que cada partido son destinadas a ONGs, institucións ou entidades benéficas que traballan pola integración social, educación, infancia, saúde e solidariedade na nosa comunidade. Como neste caso, atendendo á política de transparencia e RSC do Deportivo, sempre se publican as entidades que fan uso da bancada solidaria. Hai que lembrar que para solicitala, o protocolo está dispoñible no departamento de RSC do Club en: responsabilidadsocial@rcdeportivo.es ou no 981 229 410.