RCD / NOVAS

David Mella xogou a segunda parte do partido de España sub-15 ante a República Checa

01/02/2020 17:40

- Foto: @SeFutbol

O cadete deportivista David Mella está concentrado estes días coa selección española sub-15 en San Pedro del Pinatar (Murcia). Hoxe sábado, o atacante branquiazul participou na goleada hispana ante a República Checa (0-6).

Pola súa banda, Juan Rodríguez regresa á Coruña após adxudicarse coa selección española sub-18 a Copa do Atlántico en Las Palmas de Gran Canaria.

Mella participa na goleada ante a República Checa

David Mella está citado pola selección española sub-15 para disputar 3 encontros internacionais nas instalacións de Pinatar Arena, sitas na localidade murciana de San Pedro del Pinatar.

Hoxe sábado, o canteirán deportivista xogou o seu segundo encontro, coa República Checa como rival. Gañou a selección española con folgura (0-6). Mella xogou a segunda metade do choque, en substitución de Iker Otadui.

O primeiro dos partidos foi o pasado xoves ante a República de Irlanda. O triunfo foi español (2-0), con Mella no once inicial. Foi relevado no descanso por Pol García, xa con 2-0 no marcador.

A próxima cita, última deste torneo, para España sub-15 e David Mella será este luns 3 de febreiro (16:00 horas) ante Países Baixos.

Así, o combinado nacional que prepara Julen Guerrero ten este calendario de partidos:

Xoves 30 de xaneiro
ESPAÑA 2 - REPÚBLICA DE IRLANDA 0

Sábado 1 de febreiro
REPÚBLICA CHECA 0 - ESPAÑA 6

Luns 3 de febreiro
16:00: ESPAÑA - PAÍSES BAIXOS

Mella concentrouse con España o pasado luns 27 de xaneiro. O dianteiro deportivista, que suma 8 goles en 18 partidos disputados esta temporada en liga, causou baixa obrigada co Cadete A na súa visita ao Racing de Ferrol.

Juan Rodríguez e a sub-18, campións nas Palmas

O xuvenil Juan Rodríguez disputou con España sub-18 a 46ª edición da Copa do Atlántico, que se celebrou na illa de Gran Canaria desde o pasado martes 28 de xaneiro.

A última cita da selección foi onte venres fronte a México, no campo anexo ao Estadio Gran Canaria.

Os españois golearon (6-0) aos mexicanos e proclamáronse campións. Juan Rodríguez arrancou no banco e saltou ao céspede no minuto 62, en substitución de Gelardo.

O mércores ante Xapón, segundo partido e segunda vitoria de España (2-0). O defensor deportivista disputou a segunda metade completa ao substituír a Jose Martínez.

O pasado martes, Eslovaquia foi o primeiro rival do combinado nacional no Municipal de Maspalomas.

Juan Rodríguez foi titular e xogou a primeira parte dun encontro que acabou con triunfo hispano (2-0). No descanso foi substituído por Gelardo.

O canteirán branquiazul tivo estes resultados no combinado que dirixe o exdeportivista Pablo Amo:

Martes 28 de xaneiro
ESPAÑA 2 - ESLOVAQUIA 0

Mércores 29 de xaneiro
ESPAÑA 2 - XAPÓN 0

Venres 31 de xaneiro
ESPAÑA 6 - MÉXICO 0

Juan Rodríguez regresa á Coruña hoxe sábado 1 de febreiro.