RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Edu lembra a pesar da tristeza pola eliminación copeira, que "o importante é a liga, ascender"

Edu Expósito atendeu aos medios de comunicación na sala de prensa do Sports Hotel Náyade en Los Ángeles de San Rafael (Segovia).

Do partido de onte de Copa en La Romareda, o centrocampista branquiazul cre que "a primeira parte foi do Zaragoza. A segunda foi claramente nosa. Non tivemos a sorte de meter o segundo. Unha pena non pasar. É unha competición bonita, con minutos para os que teñen menos protagonismo durante o ano. Mágoa da derrota".

Confesa que no descanso, após unha primeira parte de dominio local, o técnico deportivista pediu aos seus futbolistas "xogar un pouco máis en campo contrario e chegar un pouco máis á área, que é o que nos estaba custando un pouco".

Recoñece que a competición do KO "está aí. O importante é a liga e ascender. A Copa tamén era importante. Unha mágoa que ao final as cousas non saian como queremos. Hai que seguir, e seguir pelexando".

Laméntase Edu Expósito pola eliminación xa que a Copa "para os que xogan menos é unha oportunidade para coller ritmo e demostrar que tamén podemos xogar".

A pesar diso, non cre que caer onte en La Romareda afecte demasiado para o que lle vén proximamente ao equipo: "Negativo sempre é porque é unha derrota e unha eliminación. Pero hai que afrontalo ben, fortes, para seguir pelexando en liga e sumar os máximos puntos posibles".

A nivel persoal, e após 5 partidos oficiais disputados polo Dépor (4 de liga e 1 de Copa), fai balance: "Todos estamos a competir a un bo nivel. O que decide é o adestrador". "É unha loita cos compañeiros. Hai unha competencia sa pero dura. Hai xogadores de nivel. Estou contento, estou a sumar minutos pero hai que seguir pelexando para ter máis e o equipo que gañe e que vaian ben as cousas", engade.

Admite Edu Expósito que a súa presenza no once dependerá das súas prestacións: "Canto mellor renda, máis oportunidades podo ter. Iso depende do míster".

Preguntado polo sistema de Natxo González, opina que a parte positiva é que "imos ter o balón. É un sistema bo para ter a pelota. Se non o temos, imos sufrir e a correr moito".

Afronta a visita deste sábado 15 de setembro ao Alcorcón (20:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) de Cristóbal Parralo, Javier Manjarín, Luis Fandiño ou o ex fabrilista Borja Galán como "un partido máis. Ao final son 3 puntos. É bonito atoparme con xente que coñezo moi ben".

Apunta de Cristóbal que "é un adestrador que coñezo ben. Tíveno bastantes anos. Moi contento porque lle vaian ben as cousas. Pero o sábado os tres puntos quéroos para o meu equipo".

Cualifica o encontro deste sábado no campo de Santo Domingo como un partido "para nós igual de importante que os demais. Hai que tentar sumar os máximos puntos posibles. A polo partido, a gañar".